O valedor organiza o 3 e 4 de outubro en Santiago as XXXII Xornadas de Coordinación de Defensores que versarán sobre a transparencia

31 Agosto, 2017 Dereitos, Institución, Novas, Transparencia

Defensores do pobo de toda España reúnense os próximos 3 e 4 de outubro  no Parlamento de Galicia no marco das súas XXXII Xornadas de Coordinación. A sesión inaugural contará coa presenza do defensor del pueblo en funcións, Franscisco Fernández Marugán, que estará acompañado polas autoridades autonómicas e a valedora do pobo. PROGRAMA


Santiago de Compostela, 31 de agosto de 2017
. O Parlamento de Galicia acollerá os próximos 3 e 4 de outubro as XXXII Xornadas de Coordinación de Defensores do Pobo que nesta ocasión terán por tema “O dereito de acceso á información pública e transparencia”. A institución do Valedor do Pobo é a responsable de organizar esta xuntanza anual na que toman parte representantes do Defensor del Pueblo e das 9 valedorías autonómicas españolas.

O defensor do pobo en funcións, Francisco Fernández Marugán, será o encargado de inaugurar as xornadas, acompañado das principais autoridades autonómicas e a valedora do pobo, Milagros Otero Parga.

As xornadas celebraranse no Pazo do Hórreo, sede do Parlamento de Galicia. Ao longo de de dous días, representantes das valedorías e voces acreditadas someterán a análise, entre outras cuestións, a importancia da transparencia como elemento para o exercicio de dereitos así como o papel protagonista dos defensores nesta materia.

Esther Arizmendi, presidenta do Consejo de Transparencia y Buen Gobierno, órgano de control en materia de transparencia en España, pronunciará a conferencia inaugural co título: “A transparencia 2.0: do cumprimento á devoción”.

Celebraranse dúas mesas de traballo moderadas respectivamente polo Ararteko do País Vasco, Manuel Lezertua Rodríguez e polo Diputado del Común de Canarias, Jerónimo Saavedra. Nas mesmas intervirán representantes de toda as valedorías e voces acreditadas coma a do alcalde de Ermua, Carlos Totorika Izagirre ou a do director do Consejo de Transparencia y Protección de Datos de Andalucía, Manuel Medina.

A segunda xornada centrarase de dar a coñecer aos asistentes as conclusións acadadas por todas as defensorías sobre a transparencia e o dereito á información pública no taller preparatorio das xornadas celebrado a pasada primavera en León. Tras a clausura do encontro, que contará coa presenza das máximas autoridades autonómicas, os titulares das diferentes valedorías manterán un último encontro de coordinación que se celebrará na Biblioteca do Pazo do Hórreo.

As xornadas de coordinación de defensores celébranse por estas datas desde hai 32 anos. Trátase dunha das citas más relevantes no ámbito das defensorías do pobo, que seguen un sistema de turnos para a súa organización. É a segunda vez que Santiago acolle as xornadas. As conclusións das mesmas, sempre plasmadas nun documento asinado por todos os defensores españois, convértense en referencia da análise do estado dos diferentes dereitos en España.

Programa das xornadas: https://www.valedordopobo.gal/xornadas-de-coordinacion-de-defensores-do-pobo-2017/

The comments are closed.


GABINETE DE COMUNICACIÓN

Rúa do Hórreo, 65
15700 Santiago de Compostela
A Coruña
Teléfono [+34] 981 56 97 40
FAX [+34] 981 57 23 35

comunicacion@valedordopobo.gal