O valedor nomea a Fernado de Andrés Alonso novo secretario xeral da institución

21 Abril, 2015 Institución, Novas

O valedor do pobo, José Julio Fernández Rodríguez, formalizou hoxe o nomeamento de Fernando de Andrés Alonso como secretario xeral da institución. De Andrés, que leva traballando no seo da institución desde hai 20 anos, chega á secretaría en substitución de María José Castro Carballal, que cesa nestas responsabilidades.

Fernando de Andrés conta cunha dilatada experiencia profesional tanto dentro como fóra da institución do Valedor do Pobo. Ao longo dos últimos vinte anos asumiu no seo da defensoría diferentes responsabilidades, primeiro na xefatura de servizo, e máis tarde como responsable de área. Durante os últimos anos encargouse da coordinación de áreas de investigación.

O novo secretario xeral do Valedor do Pobo é natural de A Coruña. Licenciado en Dereito pola Universidade de Santiago, iniciou a súa traxectoria profesional como profesor de Dereito Constitucional na Universidad de Alcalá de Henares e máis tarde como profesor asociado da mesma especialidade nas facultades de socioloxía e dereito da Universidade da Coruña.

Con posterioridade accedeu, por oposición, ao corpo superior da administración xeral da Xunta de Galicia onde desenvolveu, entre outras, tarefas de asesoramento técnico xurídico en materia de protección civil e medio ambiente.

En novembro de 1995, Fernando de Andrés incorporouse ao Valedor do Pobo como xefe de servizo por medio de proceso selectivo público. Máis adiante asumiu traballo técnico no seo da defensoría, especializándose en cuestións relacionadas co medio ambiente e os servizos sociais. Nos últimos anos era o responsable da coordinación entre as áreas de investigación do alto comisionado parlamentario.

Durante este tempo ao servizo dos cidadáns non abandonou a súa labor docente, sendo profesor colaborador da Escola Galega de Administración Pública e da Escola Galega de Seguridade Pública (Xunta de Galicia) e en outros cursos superiores, seminarios e xornadas en centros públicos e privados, en especial en materia de Dereito Constitucional, Dereito Administrativo, Dereito Ambiental e Réxime Xurídico da Seguridade Pública e a Protección Civil.

Tamén estivo moi presente estes anos en xornadas e congresos estatais de diferente natureza como relator, comunicante e asistente. Así desde a súa chegada ao Valedor do Pobo asistiu a congresos da Federación Iberoamericana de Ombudsman (FIO), do International Ombudsman Institute (IOI), do European Ombudsman Institute (EOI), e a diferentes xornadas de coordinación de defensores, así como a reunións e talleres preparatorios de todos eles.

De Andrés é ademais autor de numerosas publicacións sobre diferentes materias. Destaca entre as súas obras a monografía El tratamiento administrativo de la contaminación acústica (Valedor do Pobo, 2003) y los artículos “Los Defensores del Pueblo y el contenido material de las leyes de presupuestos” (Anuario da Facultade de Dereito de Ourense, 2003); “Los Defensores impropios y el fenómeno de su proliferación” (Anuario da Facultade de Dereito de Ourense, 2003); “Derechos fundamentales y contaminación acústica” (Revista Galega de Administración Pública); “La jurisprudencia constitucional y contencioso-administrativa en materia de contaminación acústica” (Revista Xurídica Galega nº 34); “El régimen jurídico del ruido nocturno provocado en la calle por las concentraciones de personas” (Revista Aranzadi de Derecho Ambiental nº 5) y “El medio ambiente en Galicia a la luz de los informes del Valedor do Pobo” (obra colectiva, Universidade de A Coruña).

The comments are closed.


GABINETE DE COMUNICACIÓN

Rúa do Hórreo, 65
15700 Santiago de Compostela
A Coruña
Teléfono [+34] 981 56 97 40
FAX [+34] 981 57 23 35

comunicacion@valedordopobo.gal