O valedor investiga a situación de persoas obrigadas a exercer mendicidade en Galicia

12 Xuño, 2015 Dereitos, Exclusión social, Novas

O valedor do pobo, José Julio Fernández Rodríguez, abriu unha investigación para coñecer a realidade de persoas que poderían estar practicando a mendicidade en Galicia como vítimas de diferentes redes de explotación. Ante a existencia de indicios de que en Galicia hai persoas que están sendo vítimas de explotación, dirixiu un escrito ás alcaldías das sete principais urbes da comunidade para que faciliten datos sobre se teñen constancia deste tipo de prácticas. Ofrece a súa colaboración por medio das redes internacionais contra a trata de persoas coas que traballa estreitamente.

A actuación do Valedor do Pobo vén motivada pola detención por axentes da Policía Nacional en datas recentes de dúas persoas que, presuntamente, estaban a obrigar a compatriotas a mendigar na cidade de Santiago e noutras vilas como Negreira, Noia, Vilagarcía ou Lalín. As vítimas vivían en condicións infrahumanas en vivendas moi reducidas e con deficientes condicións de salubridade. A preocupación do Valedor do Pobo ao respecto desas persoas é máxima, sobre todo no que respecta á salvagarda dos seus dereitos. “Parece desprenderse que hai indicios razoables para considerar que en Galicia hai persoas que están sendo vítimas de explotación con fins de mendicidade”, manifesta o Valedor do Pobo, que, como alto comisionado do Parlamento de Galicia para a defensa dos dereitos fundamentais das persoas, insta á colaboración dos concellos para que faciliten datos sobre se teñen constancia deste tipo de prácticas.

Como membro de distintas redes internacionais de defensa dos dereitos humanos nas que se integran os ombudsman de diferentes rexións, o Valedor do Pobo ofrece a súa colaboración aos Corpos e Forzas de Seguridade con fin último de defender os dereitos das persoas afectadas.

A valedoría forma parte específica da Rede de Migrantes e Trata de Persoas, organismo adscrito a la Federación Iberoamericana de Ombudsman e se atopa en posición de solicitar información e/ou colaboración ás defensorías dos dereitos humanos de outros países tamén en Europa. “Entendemos que isto pode resultar de grande utilidade en fenómenos deste tipo, que en moitas ocasións aparecen vinculados á migración e que están asociados a un ciclo –onde hai unha captación enganosa de cidadáns e cidadás nos seus países de orixe aos que se transporta ata o destino onde se realiza a explotación baixo ameazas – o que, non cabe dúbida, dificulta a posibilidade de defender e esixir os dereitos humanos daquelas persoas afectadas por estes fenómenos”, informa.

The comments are closed.


GABINETE DE COMUNICACIÓN

Rúa do Hórreo, 65
15700 Santiago de Compostela
A Coruña
Teléfono [+34] 981 56 97 40
FAX [+34] 981 57 23 35

comunicacion@valedordopobo.gal