O Valedor insta á sociedade e aos poderes públicos a avanzar na igualdade real das persoas da comunidade de LGTBI en Galicia

22 Xullo, 2015 Institución, Novas, Sexualidade

O valedor do pobo, José Julio Fernández, entregou hoxe á presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo, o Informe extraordinario: A situación das persoas lesbianas, gays, transexuais, bisexuais e intersexuais en Galicia, unha análise desde o punto de vista do tecido asociativo.

O traballo supón un punto e seguido do labor desenvolvido polo Valedor do Pobo como alto comisionado parlamentario na defensa dos dereitos das persoas. A institución reforzou este compromiso coas atribucións que lle brinda a Lei galega de igualdade de trato, que o recoñece como autoridade independente para velar pola non discriminación destes colectivos nos ámbitos público e privado.

O informe constata o esforzo realizado polo alto comisionado parlamentario nos últimos meses para conseguir que a diversidade relacionada coa orientación sexual e a identidade de xénero se normalice e visualice nos seus parámetros cotiáns. Avanzar nos aspectos aínda problemáticos que afectan ao principio de igualdade é, á xuízo do valedor do pobo, unha responsabilidade que todos debemos asumir, poderes públicos e sociedade.

A análise hoxe entregada á presidenta do Parlamento de Galicia, e presentada ante os medios de comunicación en rolda de prensa, incide na descrición da situación do colectivo LGBTI na nosa comunidade. O Valedor do Pobo deu voz ao tecido asociativo á hora de detallar a realidade das persoas que forman parte deste conxunto diverso de cidadáns. Algunhas das súas demandas, das que se fai eco o documento, pasan pola necesidade de incluír unha perspectiva non discriminatoria transversal en cuestións como a educación, a sanidade, o ámbito laboral, e mesmo ás políticas de atención ás persoas maiores, entre outras.

Os colectivos que representan ás persoas lesbianas, gays, transexuais, bisexuais e intersexuais da nosa comunidade apuntan, por exemplo, á necesidade de educar na diversidade e formar ao profesorado, ao alumnado e mesmo ás familias para previr o denominado bullying homofóbico, con especial atención ao grupo dos menores transexuais escolarizados.

As súas peticións fanse extensivas tamén ao ámbito sanitario onde se considera necesario formar aos profesionais para garantir unha atención máis especializada a estas persoas ou facer máis fácil, por outra banda, o acceso de mulleres lesbianas ou soas, a programas públicos de reprodución asistida.

A pesares de existir unha prolixa normativa, o Valedor do Pobo puido comprobar que en moi poucas ocasións estas persoas fan uso das ferramentas legais, administrativas ou penais das que dispón para facer valer os seus dereitos. Segue habendo casos de LGTBI fobia pero, na maior parte dos casos, non se denuncian.

Dentro da diversidade da comunidade LGBTI atopamos diferentes orientacións sexuais e identidades de xénero. O traballo hoxe presentado pretende reivindicar o dereito de todas estas persoas a vivir libremente a propia orientación sexual ou identidade de xénero e a expresala sen temores. Axudar a remover os obstáculos para o exercicio dos seus dereitos, visualizando situacións e recollendo un bo número de opinións , sirve como unha primeira achega.

O informe extraordinario se presenta como un avance no camiño que percorre o Valedor como autoridade que loita contra a discriminación do colectivo. A Lei de igualdade de trato atribúe ao alto comisionado parlamentario funcións específicas, que van desde prestar apoio ás persoas que puidesen ter sufrido discriminación ata servirlles como órgano de mediación, iniciar de oficio investigacións ou instar a actuación das administracións públicas. Nos últimos meses o Valedor do Pobo xa resolveu con éxito queixas tramitadas por particulares ao respecto de situacións de desigualdade das que eran vítimas.

O Valedor do Pobo está firmemente comprometido en traballar pola tolerancia e a igualdade, polo pluralismo e a solidariedade. O traballo hoxe presentado constitúe unha boa mostra.

The comments are closed.


GABINETE DE COMUNICACIÓN

Rúa do Hórreo, 65
15700 Santiago de Compostela
A Coruña
Teléfono [+34] 981 56 97 40
FAX [+34] 981 57 23 35

comunicacion@valedordopobo.gal