O valedor entrega este luns ás deputacións de Lugo e Ourense a memoria científica de base da candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial

26 Xuño, 2015 Institución, Novas

O valedor do pobo, José Julio Fernández, entregará este luns 29 de xuño (ás 10 horas) ao presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar Blanco e a un representante da Deputación de Lugo, a “Memoria científica de base da candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial”. O documento, con miles de páxinas, é o resultado dos traballos desenvolvidos durante os últimos meses por un cadro de investigadores coordinados pola institución do Valedor do Pobo co obxecto de poñer en valor esta rexión que combina riqueza paisaxística, cultural, patrimonial e industrial.

No acto do luns, o valedor do pobo escenificará a entrega do documento aos presidentes das deputacións de Lugo e Ourense, cos que asinou un convenio no ano 2014 cara a promover a candidatura e deseñar este completísimo estudo. Os traballos permitirán demostrar o “valor escepcional universal” da Ribeira Sacra necesario para configurar unha candidatura que poida ter éxito ante a Unesco.

Ao acto asistirán ademáis o presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Francisco Marín, así como o presidente do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra, Juan Carlos Armesto.

The comments are closed.


GABINETE DE COMUNICACIÓN

Rúa do Hórreo, 65
15700 Santiago de Compostela
A Coruña
Teléfono [+34] 981 56 97 40
FAX [+34] 981 57 23 35

comunicacion@valedordopobo.gal