O Valedor do Pobo reforza a súa colaboración coas redes internacionais de “ombudsman”

06 Agosto, 2015 Institución, Novas

A institución do Valedor do Pobo reforzou nos últimos anos a súa presenza nas principais redes de traballo dos ombudsman de todo o mundo, formando parte de organizacións internacionais pola defensa dos dereitos humanos e realizando frecuentes achegas a liñas de debate promovidas desde as mesmas. Nesta vía continuou traballando durante 2013, resultando frecuentes os contactos cos seus homólogos de todo o mundo, principalmente no que se refire á imprescindible divulgación do traballo cos dereitos humanos.

Como novidade, durante o ano 2014 iniciamos xestións cos representantes da International Association of Language Commisioners-IALC (Asociación Internacional de Comisarios de Lingua) co fin de formar parte desta entidade, constituída oficialmente o mes de marzo de 2014, como membros de pleno dereito. Antes de terminar o ano remitimos aos responsables da entidade toda a documentación necesaria para solicitar o ingreso na mesma, que se fixo efectivo este 2015.

A IALC constituíuse coa misión de defender e avanzar nos dereitos lingüísticos, a igualdade e a diversidade en todo o mundo. Esta organización pioneira tamén serve para ofrecer soporte profesional aos comisionados que defenden estes principios en cada un dos territorios poñendo todas as ferramentas e experiencias rexistradas ao servizo do uso dos idiomas propios.

Representantes de Canadá, Irlanda, Bélxica, Kósovo, Finlandia, Sudáfrica e Sri Lanka forman parte da asociación, da que tamén é membro fundador o Síndic de Greuges, o defensor catalán. Precisamente o Valedor do Pobo colabora estreitamente cos seus homólogos catalán e vasco na defensa dos dereitos lingüísticos dos cidadáns e son habituais os foros nos que as tres defensorías comparten as súas inquietudes.

Para o ombudsman galego a defensa dos dereitos lingüísticos constitúe un dos seus obxectivos primordiais. Preservar e profundar no modelo lingüístico actual da comunidade e traballar nunha boa convivencia idiomática e uso das linguas cooficiais en todos os terreos da administración constitúen os seus principais propósitos neste eido. Como alto comisionado parlamentario o Valedor investiga e resolve, determina e realiza recomendacións cada ano co fin de responder as queixas cidadáns ao respecto de posibles vulneracións dos seus dereitos lingüísticos, aspecto este último, co que dá cumprimento a un dos requisitos básicos esixidos para formar parte da IALC.

Á marxe desa iniciativa, o Valedor do Pobo, como defensor autonómico de salvagarda dos dereitos cidadáns, está representado na actualidade como membro de pleno dereito nas seguintes organizacións:

  1. Federación Iberoamericana de Ombudsman (FIO)

A Federación Iberoamericana de Ombudsman (FIO) é unha agrupación que, constituída en Cartaxena de Indias (Colombia) en 1995, reúne a defensores do pobo, procuradores, provedores, raonadores, comisionados e presidentes de comisións públicas de dereitos humanos dos países iberoamericanos dos ámbitos nacional, estatal, rexional, autonómico ou provincial.

O ombudsman (ou defensoría do pobo) é unha institución pública (creada normalmente pola Constitución e regulada por lei do Parlamento) dotada de autonomía, cuxa finalidade principal é protexer os dereitos humanos dos cidadáns fronte á administración pública do país respectivo.

A FIO réxese polo seu Estatuto (aprobado en Cartaxena de Indias o 5 de agosto de 1995 e reformado en Tegucigalpa o 15 de setembro de 1999, en México DF o 24 de novembro de 2000 e en Novo Vallarta o 20 de xuño de 2006) e polas resolucións adoptadas pola Asemblea Xeral e o Comité Directivo, segundo os seus respectivos ámbitos de decisión. A máxima autoridade da FIO é a súa Asemblea Xeral, integrada polos titulares dos seus membros.

O Comité Directivo está integrado polos titulares dos organismos nacionais membros da Federación e por tres representantes dos organismos non nacionais, asegurando a representación das distintas rexións xeográficas. Tradicionalmente, estes tres representantes corresponden a Arxentina (que conta con Defensorías provinciais), España (onde existen Defensorías autonómicas) e México (que conta con Comisións Estatais de Dereitos Humanos).

O Consello Reitor intégrano o seu presidente, necesariamente titular dun organismo nacional, e cinco vicepresidentes (catro representantes de organismos nacionais e un titular de organismo do ámbito non nacional), elixidos todos eles, cada dous anos, por votación do Comité Directivo.

Coa reforma do Estatuto de 20 de xuño de 2006 créase unha Secretaría Técnica, dirixida por un secretario proposto polo presidente da FIO e nomeado polo Consello Reitor, para o desenvolvemento administrativo das actividades da FIO.

O obxectivo primordial da Federación é ser un foro de discusión para a cooperación, o intercambio de experiencias e a promoción, difusión e fortalecemento da institución do ombudsman nas rexións xeográficas da súa xurisdición. En concreto, entre outras finalidades específicas, pretende fomentar, ampliar e fortalecer a cultura dos dereitos humanos nos países cuxos ombudsman formen parte da FIO; establecer e manter relacións de colaboración con organizacións non gobernamentais que procuren o respecto, defensa e promoción dos dereitos humanos, así como promover estudos e investigacións sobre aspectos da súa competencia, coa finalidade de apoiar o fortalecemento do Estado de Dereito, o réxime democrático e a convivencia pacífica dos pobos.

Para a consecución destes obxectivos, a Federación asinou, o 23 de abril de 2002, un convenio de cooperación coa Universidad de Alcalá, que se plasmou, entre outros resultados, nunha ampla oferta formativa virtual, de carácter permanente e progresiva ampliación dos seus contidos, para os funcionarios das institucións membros da FIO e na elaboración conxunta dos informes sobre dereitos humanos da propia FIO, que esta emite anualmente, baixo a dirección académica dun profesor da Universidad de Alcalá, desde 2003.

Os países que actualmente integran a FIO son Andorra, Arxentina, Bolivia, Colombia, Costa Rica, Ecuador, O Salvador, España, Guatemala, Honduras, México, Nicaragua, Panamá, Paraguai, Perú, Portugal, Porto Rico, Uruguai e Venezuela.

Tanto o Valedor do Pobo coma os seus homónimos do resto das comunidades autónomas están representados neste organismo e contan con capacidade de decisión.

  1. Instituto Internacional do Ombudsman (IIO)

O Valedor do Pobo tamén está representado no Instituto Internacional do Ombudsman.

Fundado en 1978, é a única organización global para a cooperación entre máis de 150 institucións de ombudsman . O instituto fomenta o intercambio de informacións a nivel rexional e internacional. Está organizado en seis rexións: África, Asia, Asia Austral e Pacífico, Europa, Caribe e América Latina e mais América do Norte. A organización ten tres idiomas de traballo: inglés, francés e español.

  1. Rede europea de defensores do pobo

A Rede Europea de Defensores do Pobo agrupa máis de 99 oficinas en 35 países europeos. Na rede participan os defensores do pobo nacionais e rexionais, e órganos similares dos estados membro da Unión Europea, dos países candidatos a formar parte da UE e algúns outros países europeos, así como o Defensor do Pobo Europeo e a Comisión de Peticións do Parlamento Europeo. Os defensores do pobo nacionais e órganos similares da rede designan a un axente de enlace como persoa de contacto cos demais membros da rede.

A rede foi creada en 1996 e desenvolveuse de forma continua ata converterse nunha eficaz ferramenta de colaboración para os defensores do pobo e os seus colaboradores, e constitúe un mecanismo eficaz de cooperación na tramitación das reclamacións. Isto último reviste especial importancia para o Defensor do Pobo Europeo, xa que lle permite tramitar as reclamacións que non están dentro do seu ámbito de competencias de forma rápida e eficaz. As súas experiencias e mellores prácticas intercámbianse en seminarios e reunións, nun boletín periódico, nun foro de Internet e nunha publicación electrónica diaria. Así mesmo, tamén demostraron ser altamente eficaces para o desenvolvemento da rede as visitas do Defensor do Pobo Europeo organizadas polos defensores do pobo dos Estados membros e os países en vías de adhesión.

Durante o 2014, o titular do Valedor do Pobo participou no IX Seminario Rexional da Rede Europea de Defensores do Pobo, que se celebrou entre o 22 e o 24 de xuño en Cardiff (Gales), en cuxo marco presidiu os relatorios dedicados aos dereitos da infancia e os mozos, abordando persoalmente os dereitos do menor e a súa relación coas novas tecnoloxías.

Este encontro, organizado conxuntamente polas oficinas do Defensor do Pobo de Servizos Públicos do País de Gales e o Defensor do Pobo Europeo, permitiu abordar diversos asuntos de interese xeral para as defensorías comunitarias, entre os que figuraban por exemplo, a Convención das Nacións Unidas sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade.

  1. European Network of Ombudspersons for Children (ENOC)

O Valedor do Pobo é membro de pleno dereito da ENOC, a rede europea que reúne a todos os defensores do pobo que traballan pola protección dos dereitos dos menores. A Rede Europea de Defensores do Menor (ENOC) é unha asociación sen ánimo de lucro de institucións independentes. A súa misión consiste en facilitar a promoción e protección dos dereitos do neno, tal e como foi formulada na Convención da ONU sobre os Dereitos do Neno.

A ENOC naceu en Trondheim, Noruega, en 1997, cando un grupo inicial de 10 institucións se reuniron xunto con UNICEF. En 2012 xa aglutinaba a 41 institucións procedentes de 32 países. A membresía está limitada ás institucións presentes nos 47 estados membros do Consello de Europa.

O obxectivo da organización consiste en establecer vínculos e compartir información e estratexias con institucións independentes de defensa dos dereitos dos nenos, comisionados para os nenos, ou centros de coordinación en materia de dereitos do neno nas institucións nacionais de dereitos humanos ou as oficinas do defensor do pobo en xeral.

The comments are closed.


GABINETE DE COMUNICACIÓN

Rúa do Hórreo, 65
15700 Santiago de Compostela
A Coruña
Teléfono [+34] 981 56 97 40
FAX [+34] 981 57 23 35

comunicacion@valedordopobo.gal