O valedor do pobo, José Julio Fernández Rodríguez, quere ratificar o seu compromiso para coa preservación da contorna no Dia Mundial do Medio Ambiente (DMMA) instituído polas Nacións Unidas, que hoxe se conmemora.
A ONU alerta ese ano da necesidade de moderar o consumo xa que o benestar en todo o planeta depende da xestión responsable dos recursos cos que contamos. O Valedor do Pobo súmase a esta mensaxe e ao lema do Día Mundial 2015:”Sete mil millóns de soños. Un só planeta. Consume con moderación”.
O DMMA hai anos que se consolidou tamén como “día das persoas” no que se convida á poboación a facer algo positivo pola preservación da natureza. Desde a institución do Valedor do Pobo son numerosas as iniciativas emprendidas cada ano en favor da conservación da natureza.
A área de investigación sobre estes asuntos é unha da que aglutina a maior parte das queixas da cidadanía e gran parte das iniciativas de oficio. Nas últimas semanas, de feito, o Valedor do Pobo promoveu senllas investigacións sobre esta materia.
Por unha banda, a institución interesouse polas medidas de protección do lobo en Galicia e a incompatibilidade da mesma respecto a agresións ao gando denunciadas en diferentes puntos de Galicia pola veciñanza, en demanda da organización de batidas.
Por outra banda, o procedemento de infracción comunitaria contra España, entre outras razóns pola actuación dos poderes públicos en relación coa definición da Rede Natura, preoucupa á institución. Existe unha ameaza da Comisión Europea de sancionar a España polo posible incumprimento da directiva 92/43/CEE, relativa á conservación dos hábitats naturais e da fauna e flora silvestres e aos mecanismos de protección activados nos diferentes territorios polas administracións responsables. O Valedor comprometeuse a permanecer vixiante e mantén aberta unha investigación sobre a materia.
The comments are closed.