O valedor do pobo, José Julio Fernández Rodríguez, escenificou o seu compromiso para co medio ambiente na nosa comunidade mediante a plantación de vinte exemplares de árbores que formarán parte do Bosque de Galicia, situado nas ladeiras do Monte Gaiás.
Acompañado pola xerente da Fundación Cidade da Cultura, Beatriz González Loroño, o valedor do pobo puido percorrer os terreos do futuro Bosque de Galicia, na ladeira do Gaiás. Esta zona nun futuro estará poboada por un total de 10.000 exemplares de especies locais como bidueiros, carballos, espiños, serbais, castiñeiros e loureiros. O Valedor contribuiu hoxe a este proxecto, que configurará un novo pulmón verde na cidade de Santiago, coa plantación dun total de 20 exemplares. Todo o persoal da institución participou na iniciativa.
O acto de hoxe foi posible grazas á colaboración coa Fundación Cidade da Cultura e a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria que facilitaron ao Valedor do Pobo tanto as árbores, apoio técnico e as ferramentas necesarias.
O Valedor do Pobo mantén un estreito compromiso para coa preservación do medio ambiente. Non son poucas as queixas que tramita cada ano en relación a estas cuestións e á preserva da contorna. Resultan habituais, deste xeito, as súas actuacións nos casos en que a intervención humana ocasiona danos á calidade ambiental e paisaxística en zonas da nosa comunidade.
The comments are closed.