O Valedor do Pobo presenta este 18 de marzo o seu Informe Ordinario 2014

16 Marzo, 2015 Institución, Novas, Transparencia

O Valedor do Pobo presentará este mércores, 18 de marzo, o seu Informe Ordinario correspondente á actividade do 2014. O titular en funcións da institución, José Julio Fernández Rodríguez, fará entrega ás 11.00 horas no Pazo do Hórreo do documento á presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo. A continuación, desprazarase á súa sede, na Rúa do Hórreo 65, onde presentará ás 12.00 horas aos medios de comunicación o contido máis salientable do mesmo.

O documento, que conta con máis de mil páxinas, somete a repaso toda a actividade despregada pola institución durante o ano pasado. Entre outros aspectos inclúe un capítulo estatístico onde se recolle un resumo de todas as iniciativas promovidas polos cidadáns ante o alto comisionado parlamentario e que incorpora datos acerca das persoas que confiaron ao valedor a solución aos seus problemas, os asuntos tratados, o perfil dos reclamantes ou as recomendacións dirixidas á administración, etc.

O ano 2014 resultou especialmente intenso en canto a actividade institucional promovida pola valedoría,  tanto no eido da divulgación dos dereitos como na organización de sesións de traballo e xornadas formativas dirixidas a profesionais que traballan con colectivos especialmente vulnerables. Un ano máis, o documento incorpora en específico un capítulo dedicado a repasar cuestións relacionadas coa protección dos dereitos da muller. No mesmo incluiránse por primeira vez datos acerca dos riscos que a poboación máis nova asume nas súas relacións coas novas tecnoloxías, pero tratados desde unha perspectiva de xénero.

Como resulta habitual, a memoria anual do Valedor organízase por temática. Ademáis das estatísticas, os asuntos abordados se organizan nos diferentes capítulos segundo as áreas de investigación. Como novidade este ano se incorpora unha sección acerca de transparencia, onde se someten a valoración as últimas novidades normativas e compromisos que deben adquirir os poderes públicos en favor do cidadán.

Coa entrega do informe ordinario á presidenta, e a divulgación dos principais resultados ante os medios de comunicación,  a memoria do defensor galego iniciará a súa andaina parlamentaria que se completará coas comparecencias do titular da institución, primeiro ante a Comisión Mixta de Peticións e , por último, en sesión plenaria.

The comments are closed.


GABINETE DE COMUNICACIÓN

Rúa do Hórreo, 65
15700 Santiago de Compostela
A Coruña
Teléfono [+34] 981 56 97 40
FAX [+34] 981 57 23 35

comunicacion@valedordopobo.gal