O valedor do pobo, José Julio Fernández Rodríguez, e o persoal da súa institución desprazaránse mañá á Cidade da Cultura para facer a súa aportación ao Bosque de Galicia mediante a plantación de vinte exemplares de especies autóctonas. Con esta iniciativa simbólica, o Valedor do Pobo amosa o seu compromiso na defensa dos valores ambientais da nosa comunidade.
Coa plantación, o alto comisionado parlamentario contribúe a poboar o bosque, que no futuro estará ocupado por unhas dez mil especies autóctonas, entre as que se atopan bidueiros, carballos, espiños, serbais, castiñeiros e loureiros.
O acto de mañá é posible grazas á colaboración coa Fundación Cidade da Cultura e a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria que facilitan ao Valedor do Pobo tanto as árbores, o terreo e as ferramentas empregadas.
O Valedor do Pobo mantén un estreito compromiso para coa preservación do medio ambiente. Non son poucas as queixas que tramita cada ano en relación a estas cuestións e á preserva da contorna. Resultan habituais, deste xeito, as súas actuacións nos casos en que a intervención humana ocasiona danos á calidade ambiental e paisaxística en zonas da nosa comunidade.
Hai un ano, o Valedor do Pobo participou tamén na reforestación con castiñeiros na zona do Courel (na imaxe). Co acto de mañá, a institución refrenda este compromiso medioambiental e contribúe a repoboación desa área da cidade de Santiago.
The comments are closed.