Icono

O Valedor do Pobo pide maior protección dos poderes públicos para as familias con menores afectadas por desafiuzamentos

19 Febreiro, 2015 Exclusión social, Menores, Novas

O alto comisionado parlamentario está a facer xestións co fin de prorrogar o lanzamento dunha familia de Ribeira de seis membros, dous deles menores de idade, previsto para mañá. Tamén supervisa o caso doutra familia de Vigo dunha muller  cunha filla menor de tres anos que padece fibrose quística

 

Santiago de Compostela, 19 de febreiro de 2015. O Valedor do Pobo pide máis protección para as persoas máis vulnerables nos procedementos de execución hipotecaria. Deste xeito insta aos poderes públicos e ás entidades bancarias a protexer ás familias con menores ao cargo, rapaces discapacitados ou persoas dependentes.

O alto comisionado parlamentario está moi preocupado pola situación que na actualidade atravesan dúas familias galegas a piques de ser desafiuzadas das súas vivendas. O caso máis preocupante é o dunha familia de Ribeira de seis membros con dous menores ao cargo que podería perder mañá mesmo a súa vivenda se a entidade Bankia e mesmo o xulgado número un de Ribeira non acceden a prorrogar o lanzamento. En Vigo, un procedemento de execución hipotecaria podería deixar en situación de exclusión a unha muller e a súa filla, esta enferma de fibrose quística, de proceder a entidade A Banca á subasta do inmoble que posúen.

Aprazar o lanzamento en Ribeira

O Valedor do Pobo traballa conxuntamente desde hai días coa Plataforma Stop Desafiuzamentos coa que colabora desde hai anos para intentar frear o lanzamento dunha familia de Ribeira de seis membros da súa vivenda habitual. Dous deles son menores de idade. Está previsto que este venres o xulgado número 1 desa localidade proceda a desaloxar a estas persoas do inmoble a consecuencia do procedemento de execución hipotecaria promovido por Bankia. O alto comisionado parlamentario mantense contacto cos representantes legais da entidade financeira co obxecto de conseguir un aprazamento e permitir que a familia entregue a vivenda de xeito voluntario toda vez que obteña un lugar apropiado para trasladar aos seis membros. Para o Valedor do Pobo, á marxe das especificidades de cada caso, todos os axentes implicados neste procedemento deben atender ao interese superior dos menores afectados e buscar unha saída o máis xusta posible que permita mantelos no seu entorno, nun clima de normalidade social e escolar. De aí que apele publicamente á sensibilidade dos responsables de Bankia nesa localidade e da secretaría xudicial a aprazar a medida e dar por boa unha prórroga que permita a esta familia saír da vivenda de modo non traumático.

Nena enferma en Vigo

Desde a defensoría tamén se está a facer seguimento doutro caso de desafiuzamento que afecta a unha nai cunha filla enferma en Vigo. Neste caso a familia  non dispón de medios suficientes para facer frente ao pago da  hipoteca que foi subscrita cando a muller vivía en parella, ambos traballando e sen fillos. Co fin da relación  e o nacemento dunha  filla con fibrose quística,  que agora ten tres anos, esta nai tivo que deixar de traballar parte da xornada para atender aos seus coidados. O Valedor insta neste particular a ABANCA a aceptar os aprazamentos solicitados pola afectada co fin de gañar tempo e poder buscar unha saída. Ata o momento lle foron denegados e teme unha inmediata poxa do inmoble.

En ambos os dous casos existen menores en situación de vulnerabilidade. Por este motivo unha vez máis o Valedor do Pobo quere que os axentes responsables de executar as medidas de desaloxo teñan en conta os seus intereses e esgoten todas as vías pacíficas coas familias cara a preservar os dereitos dos rapaces a unha vivenda digna.

The comments are closed.


GABINETE DE COMUNICACIÓN

Rúa do Hórreo, 65
15700 Santiago de Compostela
A Coruña
Teléfono [+34] 981 56 97 40
FAX [+34] 981 57 23 35

comunicacion@valedordopobo.gal