O Valedor do Pobo interésase polas políticas de vivenda de Xunta de Galicia nun encontro mantido coa conselleira de Medio Ambiente

14 Abril, 2015 Institución, Medioambiente, Novas

O valedor do pobo, José Julio Fernández Rodríguez, mantivo esta tarde un encontro de traballo coa conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, co obxecto de coñecer as políticas de vivenda que a Xunta de Galicia prevé desenvolver nos próximos anos. A xuntanza enmárcase nunha serie de encontros preparatorios do taller sobre vivenda pública en España que congregará o próximo 2 de xuño en Santiago aos titulares do Defensor del Pueblo e das defensorías autonómicas e a membros dos seus equipos.

O encontro mantido hoxe na sede do Valedor do Pobo entre o titular da defensoría e a conselleira enmárcase nunha rolda de contactos aberta pola institución de cara a preparar o taller sobre dereito á vivenda do mes de xuño. Durante o mesmo, a representante da Xunta de Galicia puido expor ao Valedor os detalles do Plan de Vivenda de Galicia 2015-2020 que prevé facilitar vivenda ás persoas que máis o necesitan.

Este plan incluirase na axenda do taller do mes de xuño que permitirá analizar, desde o prisma da protección do dereito constitucional á vivenda, as políticas despregadas ao respecto nas diferentes comunidades autónomas en materia de vivenda. O programa provisional deste encontro inclúe como liñas de traballo a necesidade de reflexionar acerca da vixencia do dereito á vivenda, así como sobre o acceso á vivenda pública en España, e coñecer os diferentes instrumentos dos que se valen as políticas de vivenda. As defensorías tratarán, neste sentido, asuntos estreitamente relacionados coa regulación vixente acerca da materia, as axudas directas e indirectas a vivenda libre e de réxime protexido ou a xestión das bolsas de vivenda.

O encontro permitirá incidir, por outra banda, en aspectos que preocupan especialmente aos defensores e que teñen ocupado grande parte das súas axendas no eido das queixas, como son os dereitos a retorno nas actuacións urbanísticas que requiren do desaloxamento dos ocupantes legais das vivendas habituais ou a habitabilidade dos inmobles.

O taller de Santiago será un dos tres organizados polos defensores autonómicos e a defensora del pueblo sobre estas cuestións nos próximos meses. As conclusións dos mesmos serán levadas ás XXX Xornadas de Coordinación de Defensores que este ano se celebrarán en Santander no mes de setembro e darán pé a unha comunicación pública por parte de todos os ombudsman españois acerca das políticas de vivenda.

The comments are closed.


GABINETE DE COMUNICACIÓN

Rúa do Hórreo, 65
15700 Santiago de Compostela
A Coruña
Teléfono [+34] 981 56 97 40
FAX [+34] 981 57 23 35

comunicacion@valedordopobo.gal