O Valedor do Pobo e o IGVS intercambiarán información sobre afectados por execucións hipotecarias

28 Maio, 2015 Dereitos, Institución, Novas

O valedor do pobo, José Julio Fernández, e a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez Mourelle, asinaron hoxe na sede do defesor un convenio de colaboración en relación ás persoas afectadas na nosa comunidade por execucións hipotecarias. En virtude do mesmo, comprométense a crear un marco de intercambio rápido e áxil de información coa finalidade de mellorar a atención ás familias afectadas por este problema a consecuencia de impagos de créditos ou préstamos garantidos con hipoteca e dar unha resposta áxil á súa situación. Coa medida aspírase a mellorar tamén a información outorgada aos afectados en relación á protección dos seus dereitos.

Para materializar estes propósitos,  o Valedor do Pobo procederá a dar traslado, preferentemente por medios electrónicos, de toda a información correspondente a queixas ou consultas recibidas nesta materia,  aos efectos de que o Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) valore se cumpren os requisitos para que as familias poidan acollerse ao Programa de Realoxo de Colectivos Afectados por Execucións Hipotecarias. No seu defecto, buscarase orientación para que poidan acollerse a outras actuacións ou medidas desenvolvidas pola administración.

O IGVS, pola súa banda,  contactará coas persoas afectadas para informarlles do referido programa e a verificar se cumpren ou non os requisitos e, no seu caso, sobre a posibilidade de acollerse a esas alternativas. No suposto de que cumpran os requisitos, o IGVS ofertaralle unha vivenda nas condicións do programa de realoxo, xa sexa a través dunha vivenda de promoción pública ou a través do programa Aluga, na mesma localidade ou en localidades próximas, en función das vivendas dispoñibles.

Unha vez finalizadas as anteriores xestións, o Instituto Galego da Vivenda e Solo trasladará ao Valedor do Pobo o correspondente informe, coas actuacións realizadas ao respecto.

Durante o ano 2014 rercibironse ante o Valedor do Pobo 54 queixas en materia de vivenda. Referíronse fundamentalmente á supresión das axudas públicas en forma de subsidiación de préstamos convidos para a adquisición de vivendas de protección pública, aos defectos ou deficiencias en vivendas tanto de promoción pública coma de protección autonómica e ao desafiuzamentos da vivenda habitual dos debedores hipotecarios.

As queixas sobre vivenda amosan, a xuízo da nosa institución, a insatisfacción dos reclamantes coa actuación da administración en canto a insuficiencia das axudas publicas para o acceso á vivenda nun contexto de redución do gasto público. Ao mesmo tempo constátase que parte das quixas evidencian a insuficiente información que recibe a cidadanía sobre actuacións e medidas desenvolvidas por parte do Instituto Galego da Vivenda e Solo, aspecto que se pretende mellorar coa activación do convenio.

The comments are closed.


GABINETE DE COMUNICACIÓN

Rúa do Hórreo, 65
15700 Santiago de Compostela
A Coruña
Teléfono [+34] 981 56 97 40
FAX [+34] 981 57 23 35

comunicacion@valedordopobo.gal