O Valedor do Pobo e Down Galicia promoven unha xornada sobre os desafíos dos dereitos para persoas con discapacidade

13 Marzo, 2017 Discapacidade, Institución, Novas

Santiago de Compostela, 13 de marzo de 2017. A institución do Valedor do Pobo, a Universidade de Santiago e Down Galicia organizan a xornada O desafío dos dereitos das persoas con discapacidade que este 14 de marzo se celebra na sala de xuntas do Decanato da Facultade de Dereito de Santiago de Compostela.

Nunha única sesión diferentes expertos convocados someterán a análise o novo paradigma dos dereitos das persoas con discapacidade. En concreto entrarán a reflexionar sobre o dereito a sufraxio activo e pasivo no marco da participación democrática destas persoas ou a conveniencia de modificar o Código Civil en materia de protección e apoio a esta parte da cidadanía, entre outras cuestións.

A valedora do pobo, Milagros Otero Parga, será a encargada de inaugurar a sesión, xunto co conselleiro de Política Social e a secretaria xeral da Universidade de Santiago. Ademais de expertos académicos na materia, representantes da administración, do propio Valedor do Pobo (secretario xeral) ou persoas provintes do entorno xudicial, médico e de Down Galicia farán as súas propias aportacións á xornada que se pechará ao mediodía cunha mesa redonda titulada O presente e o futuro dos dereitos das persoas con discapacidade: incapacitación ou promoción da autonomía?. 

As xornadas están abertas á participación de todas as persoas interesadas. Basta con que comuniquen o seu desexo de asistir por medio do correo electrónico: comunicacion@downgalicia.org.

Descargue: Programa completo e cartel anunciador.

The comments are closed.


GABINETE DE COMUNICACIÓN

Rúa do Hórreo, 65
15700 Santiago de Compostela
A Coruña
Teléfono [+34] 981 56 97 40
FAX [+34] 981 57 23 35

comunicacion@valedordopobo.gal