O valedor do pobo completa a tramitación parlamentaria do Informe 2014 coa súa comparecencia ante o pleno

09 Xuño, 2015 Institución, Novas

O valedor do pobo, José Julio Fernández, completou hoxe a tramitación parlamentaria do Informe Ordinario 2014 coa súa comparecencia ante o pleno da Cámara galega. A presentación dos principais resultados do traballo desplegado pola institución no pasado exercicio veu sucedida das intervencións dos voceiros de cada un dos catro grupos representados no Pazo do Hórreo.

Un dos aspectos máis salientables da actividade do ano 2014 ten que ver con que cada vez maís cidadáns se dirixen ao alto comisionado parlamentario para lle expor as súas reclamacións de xeito colectivo. Así, unha das máis numerosas de entre todas as tramitadas na anualidade, veu promovida por 6.700 persoas e facía referencia a prácticas bancarias abusivas.

Os medios dixitais desplegados nos últimos tempos polo Valedor do Pobo facilitaron a chegada de máis iniciativas dos galegos, o que, a xuízo de José Julio Fernández “é bo para a democracia”.

O Valedor elaborou o ano pasado dous informes extraordinarios sobre as urxencias hospitalarias e a enfermidade mental. Outros dous atópanse nestes momentos en fase de elaboración e fan referencia á accesibilidade de persoas con discapacidade e á atención socio-sanitaria a cidadanía que padece enfermidade mental.

Avogar pola defensa e utilización do idioma galego e pola intensificación das políticas sociais, sobre todo no caso de colectivos máis vulnerables, foron dous dos fundamentos das actuacións expostas polo comisionado ante o pleno.

Coa comparecencia de hoxe o Informe Ordinario 2014 conclúe a súa andaina parlamentaria.

 

The comments are closed.


GABINETE DE COMUNICACIÓN

Rúa do Hórreo, 65
15700 Santiago de Compostela
A Coruña
Teléfono [+34] 981 56 97 40
FAX [+34] 981 57 23 35

comunicacion@valedordopobo.gal