O Valedor do Pobo abre unha queixa de oficio sobre o prezo dos uniformes escolares de centros concertados da comunidade

11 Maio, 2015 Institución, Menores, Novas

O valedor do pobo, José Julio Fernández Rodríguez, decidiu abrir unha queixa de oficio para investigar problemas detectados na comercialización de uniformes escolares para centros concertados sostidos con fondos públicos. Tomando como referencia os resultados dun informe elaborado polo Consello Galego da Competencia e comunicacións de diferentes usuarios, o alto comisionado parlamentario amosa a súa preocupación respecto da carga gravosa que supón para as familias cinguirse aos modelos oficiais implantados por algúns centros que, por outra banda, están a incorrer en irregularidades na súa comercialización exclusiva en determinados puntos.

O Valedor do Pobo diríxese á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria por medio dun escrito no que deixa patente a súa preocupación respecto ás prácticas dubidosas de comercialización de uniformes. Algúns centros concertados, tal e como puido coñecer por medio do informe elaborado ao respecto polo Consello Galego da Competencia, limitan a venda dos mesmos a un único punto. O especial deseño dos modelos e o tipo de prendas, que adoitan incluír logotipos rexistrados, impiden ás familias adquirilos noutros comercios, polo que asumen custos maiores. Nalgúns casos, como expón o escrito do Valedor do Pobo, o centro convértese mesmo no único punto de venta dos uniformes.

Na queixa de oficio, aberta a propia iniciativa polo defensor galego, este explica á consellería que o uniforme escolar ten carácter obrigatorio en moitos centros educativos, mesmo sostidos con fondos públicos. O mesmo adoita estar formado por unha relación ampla de prendas como: chaquetas, pantalóns ou saias, polos, mandilóns, equipamento deportivo de inverno e de verán, abrigos, etc. A práctica difundida por Competencia podería supor non só a vulneración dos principios de defensa da competencia, senón tamén do principio de gratuidade da educación, recollido na vixente Lei Orgánica de Educación.

A compra dos uniformes escolares pode supoñer un desembolso extremadamente gravoso para a economía familiar cando existen fillos escolarizados no centro que lles corresponde por zona de influencia. O feito de ser comercializado con carácter exclusivo nun único punto de venta, ou no propio centro escolar, agrava aínda máis o prexuízo económico, pois non permite a adecuada moderación dos prezos como consecuencia da competencia, dando paso a unha fixación desproporcionada ou abusiva, explica o Valedor do Pobo.

Do informe publicado polo Consello Galego da Competencia sobre o uso de uniformes escolares en Galicia, se extraen diversas conclusións en relación aos prezos de venda das prendas que acompañan a dita uniformidade. Dependendo de se o uniforme é “oficial” (entendendo por tal aquel que teña unhas características especiais de deseño, un escudo, logo ou similar) ou básico, pódense apreciar diferenzas de prezo considerables.

Con estes datos e cos recibidos por parte de familias que se dirixiron á institución por diferentes canles, o Valedor do Pobo solicita agora informe á consellería. Ínstalle a aclarar, no ámbito das súas competencias, as comprobacións realizadas en relación con estes problemas na venda das uniformidades de centros concertados. No caso de confirmalos, o alto comisionado parlamentario desexa coñecer os criterios de control que a Xunta de Galicia establece en relación co uniforme e coa posibilidade de impoñer modelos básicos ou “oficiais” con escudos ou logos, e sobre as medidas correctoras habilitadas para evitar estes prexuízos ás familias.

The comments are closed.


GABINETE DE COMUNICACIÓN

Rúa do Hórreo, 65
15700 Santiago de Compostela
A Coruña
Teléfono [+34] 981 56 97 40
FAX [+34] 981 57 23 35

comunicacion@valedordopobo.gal