O valedor dirixe o curso de verán da UIMP sobre a protección da Ribeira Sacra como candidata a Patrimonio Mundial da Unesco

04 Xuño, 2015 Institución, Novas

O valedor do pobo, José Julio Fernández, dirixe o curso de verán “A Ribeira Sacra: protección dunha paisaxe cultural candidata a Patrimonio Mundial” que se celebrará entre os días 15 e 18 de xuño no Parlamento de Galicia, en Santiago. A actividade, aberta a todos os públicos, pretende realizar unha aproximación ao valor singular da rexión que opta a ser incluída na lista do Patrimonio Mundial da Unesco.

O curso, estruturado en 4 xornadas (15, 16,17 e 18 de xuño) contará coa participación, baixo a dirección do Valedor do Pobo, de catedráticos e investigadores implicados na elaboración do documento técnico que servirá de base para presentación da candidatura da Ribeira Sacra ante a Unesco.

Durante a primeira xornada os relatorios versarán acerca da paisaxe da Ribeira. Intervirán, por esta orde, Augusto Pérez Alberti, catedrático do Departamento de Xeografía da Universidade de Santiago (USC) que falará sobre “A construción das paisaxes da Ribeira Sacra”. Seguirá coa análise Eduardo García-Rodeja Gayoso, catedrático del Departamento de Edafoloxía e Química Agrícola da USC co discurso sobre “Os chans da Ribeira Sacra: expresión dunha paisaxe antrópica”. Os traballos deste día 15 rematarán cunha mesa redonda acerca das paisaxes culturais, que se parará, entre outras cuestións, no tratamento xurídico das mesmas e as pautas necesarias para incluír a rexión na lista da Unesco.

O segundo día, o 16 de xuño, focalizará a atención dos expertos na riqueza cultural da Ribeira Sacra. Celebraranse dous relatorios iniciais sobre “O monacato como eixo histórico na Ribeira Sacra”, a cargo de José Miguel Andrade Cernadas, profesor titular do Departamento de Historia Medieval e Moderna da USC; e “Monasterios e prioratos na Ribeira Sacra” por Juan M. Monterroso Montero, profesor titular do Departamento de Historia da mesma universidade. Nesta ocasión a mesa redonda versará sobre a arquitectura civil, as parroquias e o patrimonio arqueolóxico da rexión.

A terceira xornada, a do 17 de xuño, someterá a análise as características da industria, a demografía e a economía da Ribeira. Intervirán para tratar estes asuntos Óscar Rodil Marzábal, profesor-investigador do departamento de Economía Aplicada da USC que falará de “Caracterización e desafíos sociodemográficos da Ribeira Sacra” e Carlos Nárdiz Ortiz, catedrático do Departamento de Proxectos Arquitectónicos e Urbanismo da Universidade da Coruña que tratará “O patrimonio industrial e as obras públicas na Ribeira Sacra”. A mesa redonda, coordinada polo valedor do pobo, José Julio Fernández, xirará en torno ás singularidades das actividades económicas da Ribeira Sacra.

Durante a última xornada, os participantes no curso realizarán unha visita de campo á Ribeira Sacra onde poderán realizar unha aproximación á súa riqueza natural e patrimonial da man de dous guías con amplos coñecementos da rexión: Javier Guitián, catedrático de botánica da USC e Augusto Pérez Alberti, catedrático de xeografía física.

Toda a información sobre o curso aparece publicada na páxina web oficial da Universidad Internacional Menéndez Pelayo: www.uimp.es. Existe unha liña de becas para os estudiantes universitarios interesados en asistir.

Toda a información sobre programa, contidos e becas:

http://www.uimp.es/agenda-link.html?id_actividad=62RP&anyaca=2015-16

The comments are closed.


GABINETE DE COMUNICACIÓN

Rúa do Hórreo, 65
15700 Santiago de Compostela
A Coruña
Teléfono [+34] 981 56 97 40
FAX [+34] 981 57 23 35

comunicacion@valedordopobo.gal