O Valedor amosa a súa preocupación sobre as consecuencias ambientais de explotacións de lousa na comarca de Valdeorras

31 Xullo, 2015 Medioambiente, Novas

O valedor do pobo, José Julio Fernández, mantén unha investigación aberta para coñecer, por unha banda, a incidencia na contorna das canteiras de lousa radicadas na comarca de Valdeorras e, por outra, investigar o cumprimento das obrigas de restauración que afectan as mesmas.

O alto comisionado parlamentario amosa a súa preocupación ao respecto de posibles incumprimentos no aspecto de recuperación do medio ambiente nas zonas de incidencia das explotacións. Segundo as primeiras informacións obtidas, a actividade extractiva en Carballeda de Valdeorras afecta a áreas de dominio público hidráulico e outras partes da contorna, sen que se teñan activado as medidas de restauración obrigatorias.

A actual regulación esixe aos responsables das explotacións mineiras reposición de danos, garantías económicas, e sancións a posibles infraccións por contaminación.

Segundo datos oficiais, no Concello de Carballeda de Valdeorras constan autorizadas 77 explotacións de lousa, 76 a ceo aberto e unha subterránea. Trátase de explotacións postas en marcha con anterioridade á esixencia legal de avaliación ambiental. Na actualidade, non constan plans de restauración en execución. Así as cousas, e grazas a un protocolo de colaboración entre administracións estatais e autonómicas, existen precedentes de restauración nesta rexión como o acometido nos ríos Casaio e Ardemouro afectados por vertedoiros de lousa e, un segundo, desenvolvido nas marxes do Ríos Sil, Pereanes e Arroio Seco.

A Confederación Hidrográfica Miño-Sil colabora co Valedor nas súas investigacións. Informou en data recente que na actualidade cónstanlle 61 resolucións sancionadoras con obriga de repor dentro do Concello de Carballeda de Valdeorras, 53 delas afectan a firmas mineiras que, en 28 casos, se atopan en fase de vixilancia e inspección.

Na súa queixa o Valedor do Pobo incide en coñecer sobre todo o relativo á restauración dos espazos afectados por todas esas minas. O aspecto ambiental está afectado pola circunstancia temporal de que os títulos mineiros, pola súa antigüidade, non estiveron sometidos a avaliación ambiental previa.

A queixa atópase aínda en fase de documentación. O Valedor do Pobo agarda recibir nas próximas semanas informe da administración autonómica. Quere coñecer, máis polo miúdo, os datos sobre os plans de restauración nesta zona e sobre a aplicación dos mesmos a explotacións que rematan as súas labores. Ademais desexa saber se existen garantías económicas para os mesmos e outras circunstancias que lle permitan valorar, con exactitude, a repercusión desta actividade na contorna para proceder a realizar unha valoración da mesma, no ámbito da protección dos dereitos ao medio ambiente saudable das persoas.

The comments are closed.


GABINETE DE COMUNICACIÓN

Rúa do Hórreo, 65
15700 Santiago de Compostela
A Coruña
Teléfono [+34] 981 56 97 40
FAX [+34] 981 57 23 35

comunicacion@valedordopobo.gal