O Valedor alerta sobre accións graves contra a paisaxe que fan perigar a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade

09 Abril, 2015 Institución, Medioambiente, Novas

O Valedor do Pobo recibiu información e material fotográfico acerca de accións contra o medio ambiente emprendidas nos últimos días na Ribeira Sacra que, pola súa gravidade, poderían poñer en serio perigo o proxecto de situar a rexión na Lista de Patrimonio Mundial na Unesco.

Ata a institución chegaron evidencias documentadas da tala masiva de especies arbóreas de gran valor patrimonial nunha extensa superficie do canón do Sil, protexida como Lugar de Interese Comunitario (LIC), no concello de Nogueira de Ramuín. Tamén se teñe constancia da apertura de socalcos con maquinaria pesada nas ribeiras de Doade ou a plantación de piñeiros noutro LIC e hábitat de especies ameazadas no concello de Parada do Sil. Este tipo de actuacións, por ser unha ameaza para a integridade da paisaxe, teñen unha incidencia moi negativa nas posibilidades da candidatura.

O firme compromiso dos habitantes do territorio coa protección e preservación dos atributos fan da Ribeira Sacra unha paisaxe cultural excepcional e única. A aposta decidida pola sustentabilidade da súa xestión e da explotación económica dos seus recursos son condicións imprescindibles para evitar o fracaso deste proxecto.

A Ribeira Sacra pretende ser declarada Patrimonio da Humanidade. A Declaración de Valor Universal Excepcional é a declaración oficial que adopta a Unesco no momento de incluír un ben na Lista do Patrimonio Mundial. Nela exponse as razóns polas que se considera que un ben cumpre as condicións de integridade e autenticidade e en que medida satisfai os criterios de protección e xestión para poderen conservar ese Valor Universal Excepcional.

A propia Unesco insiste en que a participación das comunidades locais no proceso da candidatura é esencial para amosar unha responsabilidade compartida e un forte apoio da poboación local no mantemento do ben proposto. Elas mesmas deben estar convencidas de que teñen ao seu ao redor un lugar extraordinario e asumir o compromiso de preservación do seu Valor Universal Excepcional.

O Valedor do Pobo quere chamar ao compromiso pola conservación desta paisaxe, antes incluso de que teña o máximo nivel de protección coa Declaración de Ben de Interese Cultural. O obxectivo consiste en evitar toda presión que modifique ou cause danos á paisaxe como as construcións inadecuadas, a explotación desapropiada dos recursos ou a perturbación dos procesos ecolóxicos naturais. Trátase de condenar, en definitiva, exemplos de xestión non sostible do territorio e que poden poñer en cuestión as aspiracións da comunidade ante a Unesco. Se o apoio decidido da cidadanía será imposible acadar o obxectivo final.

The comments are closed.


GABINETE DE COMUNICACIÓN

Rúa do Hórreo, 65
15700 Santiago de Compostela
A Coruña
Teléfono [+34] 981 56 97 40
FAX [+34] 981 57 23 35

comunicacion@valedordopobo.gal