O secretario xeral da Valedora do Pobo, Fernando de Andrés, participou nas Xornadas de Inclusión Financeira organizadas pola EAPN-ES, a Rede Europea de Loita contra a Pobreza e a Exclusión Social.

14 Febreiro, 2022 actualidade, Novas, Novas

O 9 de febreiro tiveron lugar estas xornadas, baixo o título Inclusión Financeira, un enfoque de dereitos ou aporofobia bancaria, celebradas a nivel nacional. Asistiron máis de 160 persoas vinculadas ás entidades de defensa dos dereitos das persoas en situación de vulnerabilidade.

Fernando de Andrés, responsable da Área de Inclusión Social, destacou as diferentes iniciativas da Institución para afrontar algúns dos moitos problemas das persoas vulnerables nas súas relacións cos bancos.

O primeiro que destacou Fernando de Andrés é que un labor fundamental da Valedora do Pobo é a preservación dos dereitos das persoas en situación de vulnerabilidade, exclusión ou risco de exclusión social, polo que o enfoque de dereitos que se propuxo nas xornadas resultou moi adecuado.

Tamén destacou que as entidades financeiras non son simples negocios privados, senón tamén servizos públicos esenciais sen os que a cidadanía non pode realizar as máis elementais tarefas da súa vida cotiá.

A Valedora do Pobo abordou de oficio a necesidade da inclusión financeira e a forma de evitar o cobro de comisiones a persoas vulnerables e os embargos das prestacións de inclusión social. Ambas cousas son contrarias ao que prevén as leis.

En ocasións as persoas vulnerables teñen que reclamar para vencer os obstáculos que sofren nestas dúas materias, posto que non son infrecuentes os cobros de comisións ou os embargos ás persoas vulnerables.

A situación soe soluciónase coa queixa, pero xa resultou moi prexudicial; tanto as administracións como as entidades de crédito deberan ser especialmente dilixentes para evitar o agravamento da vulnerabilidade.

Tamén promoveuse unha actuación de oficio para abordar a inxusta situación de fenda de atención nos servicios bancarios que sofren os nosos maiores como consecuencia da redución da rede de atención persoal.

Iso mesmo foi posto de manifesto nunha campaña co título No soy idiota, soy mayor, con moitas adhesións e da que é impulsor o Sr. San Juan, outro dos participantes nas xornadas.

A institución reclama medidas ao sector e ás entidades reguladoras e urxe aos bancos a garantir a inclusión financeira dos maiores.

Noutras iniciativas en materia de inclusión social recomendamos

-poñer data á erradicación dos asentamentos chabolistas ou de infravivendas, con respecto escrupuloso ao dereito de realoxo, a participación dos afectados e cun acompañamento en todo o proceso.

-facilitar o empadroamento como vía de garantía dos dereitos.

-e garantir o dereito a non ser discriminado por razóns de raza ou de vulnerabilidade polos axentes da orde pública cando realizan dilixencias de identificación, preferentemente con protocolos para iso.

Moitas actuacións iniciáronse tras reunións coa EAPN-Galicia, coa que asinamos un convenio para o intercambio de información.

A intervención rematou agradecendo especialmente a importante colaboración de EAPN na defensa dos dereitos das persoas en situación de vulnerabilidade.

 

The comments are closed.


GABINETE DE COMUNICACIÓN

Rúa do Hórreo, 65
15700 Santiago de Compostela
A Coruña
Teléfono [+34] 981 56 97 40
FAX [+34] 981 57 23 35

comunicacion@valedordopobo.gal