Santiago de Compostela, 23 de xaneiro. Fernand de Varennes, relator especial da Organización de Nacións Unidas (ONU) sobre cuestións de minorías visita esta tarde as dependencias da valedoría, onde manterá unha xuntanza de traballo coa valedora do pobo e membros da súa equipa.
Milagros Otero, valedora do pobo, atenderá á petición do relator que amosou o seu interese polo traballo despregado pola defensoría galega, no marco da visita que realiza ao noso país, invitado polo Goberno español.
A axenda da xuntanza versará sobre a situación das minorías en Galicia. A institución do Valedor do Pobo preparou documentación relativa aos últimos traballos e queixas desenvolvidas nesa materia, agardando que resulte de interés ao relator.
Varennes ten o mandato do Consello de Dereitos Humanos da ONU para examinar e superar os obstáculos na realización dos dereitos das persoas pertencentes a minorías. Con esta visita pretende identificar as mellores prácticas nesta materia, incidir en analizar os problemas das minorías desde unha perspectiva de xénero e promover a Declaración sobre os dereitos das persoas pertencentes ás minorías nacionais ou étnicas, relixiosas e lingüísticas.
The comments are closed.