A quimera da protección internacional das vítimas de trata sexual estranxeiras por Inmaculada Huertas, Maxistrada do Tribunal Superior de Xustiza de Andalucía. Presidenta da Comisión de Igualdade  do Consello Xeral do Poder Xudicial e da Presidencia do Observatorio contra a Violencia Doméstica e de Xénero  ( Período 2008-2013).

05 Maio, 2020 falamos de feminismo

Agradezo a oportunidade de escribir en “Falamos de feminismo” da Valedora do Pobo de Galicia. Entre outras razóns, porque me permite poñer en valor as figuras institucionais  que supervisan a eficacia dos dereitos da cidadanía e sinalan os defectos da administración.  E é que foi con ocasión da lectura dun Informe da Defensora do Pobo de España que xurdiu o meu interese sobre a efectividade dos dereitos de protección ás vítimas de trata sexual estranxeiras.

 

No Informe do ano  2012 mostraba a súa preocupación por “a práctica detectada por parte do organismo encargado do exame e resolución das solicitudes de protección internacional que, con carácter xeral, exclúe toda solicitude de protección internacional baseada no feito de ser ou ter sido vítima de trata, alegando que non ten encaixe xurídico na Lei reguladora do dereito de asilo e da protección subsidiaria, e que estes casos deben ser reconducidos á Lei de Estranxeiría” . No ano 2016 reiteraba que “a Administración española considera que a trata de seres humanos non debe incluírse na protección internacional, opinión coa que discrepa esta institución e o ACNUR. Segundo se  puido coñecer en 2015 e no primeiro trimestre de 2016 non houbo resolucións favorables á concesión de estatuto de refuxiado ou protección subsidiaria a vítimas de trata”.

 

A Comisión Española de Axuda ao Refuxiado (CEAR) difundiu que, a partir do último trimestre de 2016 e primeiro de 2017, as autoridades españolas recoñeceron a protección internacional a doce mulleres que foran vítimas de trata con fins de explotación sexual e tiñan fundados temores de volver ao seu país polas represalias. Con todo, a ausencia de publicidade destas resolucións impide afirmar que exista un cambio de tendencia; pois, nalgúns destes casos, as  mulleres tamén sufriran persecución por outros motivos de xénero – de maneira que se poderían superpoñer varios motivos persecución -,  e con frecuencia a administración non explica o motivo concreto no que fundamenta a concesión.

 

Con estes antecedentes queda por determinar a resposta xudicial ás peticións de protección destas vítimas. Pois ben, a análise das sentenzas ditadas polo Tribunal Supremo, no primeiro quinquenio de vixencia da Lei 12/2009, reguladora do Dereito de Asilo e da Protección Subsidiaria, corrobora datos sociolóxicos en relación ao compoñente de xénero que atravesa a normativa contra a trata sexual e reafirma a necesidade da perspectiva de xénero para a comprensión do problema social e de dereitos humanos que subxace no litixio. Da lectura das referidas sentenza podemos obter datos de interese que expoño no  meu traballo “Trata sexual de mulleres: novas claves para o dereito de asilo”, na publicación: A trata de seres humanos. O Dereito e a escravitude no século XXI (2017)  Colección: Cadernos Dixitais de Formación  Nº volume: 56   Ano: 2017

 

 

Nesta breve reflexión destacarei un dos principais argumentos utilizados para a desestimación xudicial do dereito de asilo:  a ausencia de proba ou acreditación dos elementos da “persecución ou do temor para ser perseguida ou a sufrir dano grave”. Elementos cuxa apreciación depende maioritariamente da valoración do testemuño da solicitante que alega ser vítima de trata, a quen  a xurisdición contencioso administrativa adoita aplicar o test ou estándares de “credibilidade” que a xurisprudencia penal construíu para recoñecer eficacia incriminatoria á declaración da vítima como testemuña de cargo. Esta constatación resulta claramente perturbadora para a aplicación das normas de protección internacional,  que teñen unha natureza tuitiva e non responden os principios do proceso penal, necesariamente máis ríxidos despois de que entra en xogo o ius puniendi do Estado.

 

Ante esta constatación, é importante ter en conta o vínculo entre o concepto de “discriminación” ( base e causa última da violencia de xénero)  e a definición do Convenio de Istambul de 2011 da trata sexual de mulleres como violencia de xénero. Esta vinculación permite que avogacía e xudicatura active a previsión da Lei de Igualdade de investimento da carga da proba, e así superar un dos máis importantes obstáculos para a efectividade da Protección Internacional.

 

Desta maneira e xa que nos atopamos no ámbito do dereito administrativo e do proceso contencioso administrativo, corresponderá á Administración demandada probar a ausencia de discriminación e o órgano xudicial, a instancia de parte, poderá solicitar, se o estimase útil e pertinente, informe ou ditame dos organismos públicos competentes sobre a realidade das circunstancias alegadas. Esta conclusión está legalmente habilitada polo artigo 60.7 da Lei  29/1998, do 13 de xullo, da Xurisdición Contencioso Administrativa, en redacción dada polo artigo 13 da Lei Orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes. Criterio recollido na “Guía de Criterios de Actuación Xudicial fronte a Trata de Seres humanos”, realizada por un Grupo de Traballo do Consello Xeral do Poder Xudicial e publicada no ano 2018.

 

En resumo , existe unha restrinxida aplicación institucional do sistema de Protección Internacional e do dereito de asilo ás  mulleres estranxeiras tratadas sexualmente. Nun primeiro momento a administración rexeita, polo xeral, as peticións de dereito de asilo baseadas en ser vítimas de explotación sexual; e xa en vía xudicial subsisten importantes obstáculos para revogar a decisión administrativa . Na parte que nos afecta como Poder Xudicial, debemos lembrar que o artigo 9.2 da Constitución Española obriga aos poderes públicos a remover os obstáculos que impidan facer realidade os dereitos e liberdades fundamentais e para iso é fundamental utilizar as claves interpretativas da perspectiva de dereitos humanos, perspectiva de xénero e normas de valoración da proba que permitan facer realidade nas vítimas os dereitos recoñecidos nas leis.

 

I

 

 

 

The comments are closed.


GABINETE DE COMUNICACIÓN

Rúa do Hórreo, 65
15700 Santiago de Compostela
A Coruña
Teléfono [+34] 981 56 97 40
FAX [+34] 981 57 23 35

comunicacion@valedordopobo.gal