O pensamento feminista e social de Concepción Arenal por María Xosé Porteiro, Adxunta á Valedora do Pobo

11 Outubro, 2019 falamos de feminismo

O PENSAMENTO FEMINISTA E SOCIAL DE CONCEPCIÓN ARENAL*

María Xosé  Porteiro

Concepción Arenal naceu o 31 de xaneiro de 1820 e faleceu o 4 de febreiro de 1893.  Axiña celebraremos o seu primeiro bicentenario, unha data acaída para lembrarmos a unha galega extraordinaria que se adiantou ao pensamento feminista español do século XIX, como demostra a súa idea de que “a sociedade non pode en xustiza prohibir o exercicio honrado das súas facultades á metade do xénero humano”. Pioneira do feminismo no seu tempo, o seu legado segue vivo, vixente e, a pesar de todo, pouco ou mal recoñecido. Excluír a Concepción Arenal do glosario feminista significaría ignorar o seu inxente esforzo intelectual e vital: formouse, reflexionou e traballou, na práctica, en materias concretas para liberar ás mulleres da predestinación a ignorancia e a dependencia. Desenvolveu un inxente labor intelectual que publicou en preto de corenta títulos nos que criticou duramente á sociedade do seu tempo e o rol excluínte outorgado as mulleres como nais e esposas, sen opción para acceder aos estudos.

Convén lembrar que o feminismo é un movemento social e político de finais do século  XVIII (Victoria Sau), pero a súa primeira vaga chega serodiamente a España a respecto do resto de Europa. Chega a finais do século  XIX e esténdese ata principios do século  XX; unha segunda vaga céntrase na década dos 60 e 70; unha terceira abrangue desde os anos 80 ata 2017; e dise que estamos agora na cuarta vaga. Na España de mediados do S.  XIX, Arenal era unha muller nova, en proceso de formación, e a diferenza do que sucedía na maioría dos países europeos desenvolvidos, en España non se falaba de feminismo nin existían grupos ou entidades con esta orientación e cun programa de reformas. A recente, feble e desartellada industrialización, a escasa forza da Ilustración, o conservadorismo relixioso e a estrutura e intereses socio políticos, explican os serios problemas que tivo que afrontar o feminismo na sociedade española da época. Isto condicionará, non só o atraso do recoñecemento dos dereitos das mulleres, senón tamén o establecemento das máis elementais liberdades que tiveron de esperar, en moitos casos, á chegada da República para ser recoñecidas como cidadás de pleno dereito. As opinións da época divídense entre o convencemento da inferioridade biolóxica das mulleres ou a consideración da “non conveniencia de que desenvolvesen labores de profundidade e constancia” porque entraría en contradición co único oficio para o que estaban preparadas: o de esposas e nais. As mulleres, recluídas no ámbito familiar, eran aceptadas e definidas segundo a súa capacidade para consolidar os valores da vida doméstica. O feminismo actuaba contra a tradición, considerado coma unha  herexía propagada polos inimigos da fe e de España, para destruír a vida familiar e social.

Poucas mulleres escapaban daqueles paradigmas pero as que o fixeron, sufrindo a creba da súa vida afectiva e persoal, serviron de precedente. Entre elas, con luz propia,  Concepción  Arenal, curiosamente considerada beata e conservadora na súa visión sobre a situación das súas  conxéneres e as saídas ou solucións para os múltiples  oprobios, inxustizas e malos tratos sociais e persoais das que eran obxecto, sufriunos na súa propia vida. O feminismo destes primeiros momentos centrábase, non tanto na demanda de igualdade política, coma na vindicación do dereito á educación e o traballo, ou a revalorización do rol de nai e da esposa. Daquela non se adoptou a acción directa e violenta como estratexia nin se conseguiu un grao destacable de militancia, pero algunhas outras mulleres tamén empezaron a loita pola igualdade:  Dolors  Monserdà (1845-1919), Teresa  Claramunt (1862-1931), María de  Echarri (1878–1955) e outra insigne galega, Emilia Pardo Bazán (1851-1921), escritora e feminista, que denunciou e criticou duramente a desigualdade educativa vixente entre homes e mulleres e o  sexismo nos ambientes intelectuais. Se nos fixamos nas datas das precursoras comentadas, todas naceron na segunda metade do XIX e tiveron a súa plenitude a finais dese século ou principios do  XX,  mentres que Arenal xa tiña unha avanzada idade e morreu en 1893.

Foi precursora na vindicación da capacidade intelectual e o dereito a recibir a mesma educación ca os varóns. Na na súa mocidade demostrou a súa rebeldía e iniciativa cando optou por vestirse ao xeito masculino para acceder como oínte á Universidade de Dereito, en Madrid. A educación universitaria estaba vedada ás mulleres pero ela conseguiu a bagaxe precisa para afianzar uns valores e principios que quedaron reflectidos na intelixente psicoloxía dos seus ensaios. Demostrou unha intensa preocupación polas máis desfavorecidas: “En canto aos privilexios do sexo, renuncio soamente a eles, por percibir que custan máis do que valen” (sic). Foi a primeira muller cun cargo relevante na administración española e destacou pola coherencia entre o seu pensamento e o seu traballo nunha vida que algunhas autoras cualifican como unha auténtica cruzada feminista. Se ben non cuestiona os roles sexuais establecidos, o seu papel a prol da emancipación das mulleres en España é incuestionable. Defensora da súa privacidade, destruíu documentos relevantes para evitar que a súa vida interesase máis ca súa obra. Noustante, chegaron até nós informacións que nos permiten valorar o seu esforzo.

Naceu en Ferrol, filla dunha nai de familia nobre, irmá do conde de Vigo, e dun pai, militar liberal, que estivo no cárcere por enfrontarse coa monarquía  absolutista de Fernando VII. Cando o pai morreu, tiña oito anos e conservou a súa herdanza ideolóxica: medrou coa idea de que debía defender as súas conviccións persoais e loitar polos seus ideais. A nai internouna nun colexio relixioso para aprendela a comportarse como “unha señorita”, pero cun programa de estudos que non estaba ao nivel das súas preocupacións intelectuais. Desde ben nova tiña claro que “ser muller non significa ser parva”. Anceiaba cursar estudos superiores, algo inaudito nunha muller daquela época. Malia a oposición da nai, cando recibiu a herdanza da súa avoa, aos 21 anos, comezou a asistir a universidade. Con 28 anos casou co avogado e escritor, Fernando García Carrasco, de ideas avanzadas que viu á súa compañeira como a unha igual e alentou as súas inquietudes feministas, animándoa a asistiren xuntos a faladoiros literarios, mesmo vestindo roupa masculina. Utilizaba o nome do seu fillo Fernando para participar en concursos literarios, tomando prestada a súa sinatura naquelas ocasións en que unha muller se vía “fóra de xogo”. Escribiu poesía, teatro, zarzuela e novela; as súas Fábulas en verso (1851) foron declaradas lectura obrigatoria no ensino primario.

O matrimonio García-Arenal colaboraba no diario La Iberia pero cando Fernando, gravemente enfermo, tivo que deixar de escribir, ela seguiu facéndolle os artigos. Ao quedar viúva publicaba sen asinar pero viu reducidos os seus honorarios á metade e, pouco despois, en 1857, deixou  de publicar porque a Lei de Imprenta impuxo a obriga de asinar os artigos sobre política, filosofía e relixión. Pouco despois foi cesada. Este e outros feitos semellantes fixérona tomar conciencia da súa condición de inferioridade por ser muller. Agromou con máis forza a súa creatividade literaria e abordou nos seus múltiples ensaios as súas crenzas morais e feministas. A morte do seu marido afastouna dos ambientes políticos e literarios, mais  co seu forte carácter e conviccións ideolóxicas, proxectou o seu pensamento e mantivo relacións de amizade con destacadas figuras de pensamento progresista, liberal ou krausista.

En 1860 recibiu un premio da Academia de Ciencias Morais e Políticas pola súa obra “A Beneficencia, a Filantropía, a Caridade”, que lle supuxo o reingreso á vida pública e intelectual. Deseguido publicou a súa primeira obra feminista: “A muller do porvir”, na que tenta rebater a suposta inferioridade fisiolóxica da muller e demostrar a súa superioridade moral. O 4 de abril de 1864, a raíña Isabel II, a través do ministro de Gobernación, Florentino Rodríguez Vaamonde, noméaa Visitadora de Prisións de Mulleres. Tiña 44 anos e mantívose no cargo ata 1865. Posteriormente publicou libros de poesía e ensaio como Cartas aos delincuentes (1865), Oda á escravitude (1866) –que foi premiada pola Sociedade  Abolicionista de Madrid–, O reo, o pobo e o verdugo, ou A execución da pena de morte (1867). Tras da revolución de 1868, o goberno provisional noméaa Inspectora de Casas de Corrección de Mulleres, cargo que desempeñou ata 1873. En 1871, empezara unha longa colaboración coa revista A Voz da Caridade, de Madrid, na que escribiu durante catorce anos sobre as penurias do mundo que a rodea.

Concepción Arenal marca o nacemento do feminismo en España. Desde moi nova loitou por romper cos canons establecidos para as mulleres, rebelándose contra a tradicional marxinación por razón de sexo e reclamando a igualdade en todas as esferas sociais. Aínda que en moitos dos seus escritos acepta que os papeis de nai e esposa fosen fundamentais na vida das mulleres, sempre subliñou que a experiencia da vida feminina non podía centrarse no exercicio exclusivo dese rol. Coma  krausista, outorgáballe á educación e instrución das mulleres un papel fundamental, porque “mentres a muller non ten outra carreira máis aló do matrimonio, os homes aprenden un oficio e as mulleres non”. Instrución que a muller debía procurar, pois ela denunciaba que os homes da súa época tiñan “inclinacións de sultáns, reminiscencias de salvaxes e pretensións de sacerdotes”. Tamén critica ao clero porque “en xeral, é moi ignorante, non querer á muller instruída e querela mellor como auxiliar para mantela na ignorancia”.

En 1890, residindo en Vigo, recibe a noticia da defensa da súa candidatura para ocupar unha vacante na Real Academia por parte da súa paisana, Emilia Pardo Bazán. Dous anos despois, coa saúde deteriorada, e xa como famosa  penalista, con obras que tiveron eco en toda Europa como “A instrución do pobo” ou o “Ensaio sobre o dereito de xentes”, morreu debido a un catarro  bronquial crónico, catro días despois de cumprir 73 anos. No seu epitafio figura o lema que a acompañou e ao que dedicou toda a súa vida: “Á virtude, a unha vida, á ciencia”, mais o seu pensamento máis coñecido está vixente hoxe en día: “odia ao delito e  compadece ao delincuente”, na que resume a súa percepción dos delincuentes como un produto dunha sociedade reprimida e represora na que sempre se puxo á beira dos máis e das máis débiles

 

*Extracto do artigo do mesmo título publicado na revista Maremagnum (publicación galega sobre os trastornos do espectro autista, ISSN 1698-5966, Nº. 19, 2015) no seu exemplar dedicado a: Achegas sobre a Síndrome de Asperger), pxs. 169-176

The comments are closed.


GABINETE DE COMUNICACIÓN

Rúa do Hórreo, 65
15700 Santiago de Compostela
A Coruña
Teléfono [+34] 981 56 97 40
FAX [+34] 981 57 23 35

comunicacion@valedordopobo.gal