O Negacionismo da Violencia de Xénero por Dolores Fernández Galiño, Valedora do Pobo

05 Setembro, 2019 falamos de feminismo

Para o Convenio do Consello de Europa sobre prevención e loita contra a violencia contra as mulleres e a violencia de xénero (Istambul, 2011) a violencia contra as mulleres é “unha violación dos dereitos humanos e unha forma de discriminación contra as mulleres” que designa “todos os actos de violencia baseados no xénero que implican ou poden implicar para as mulleres danos ou sufrimentos de natureza física, sexual, psicolóxica ou económica, incluídas as ameazas de realizar os devanditos actos, a coacción ou a privación arbitraria de liberdade, na vida pública ou privada”. Tamén define o xénero como “os papeis, comportamentos, actividades e atribucións socialmente construídos que unha sociedade concreta considera propios de mulleres ou de homes”. Trátase dun concepto decisivo na comprensión da violencia contra as mulleres, e de aí a relevancia da súa recepción nun texto con valor normativo, algo que ata o de agora non tiñamos no ordenamento xurídico español.

Sobre a base destas definicións, o Convenio de Istambul obriga aos Estados Parte a adoptar as medidas lexislativas ou doutro tipo necesarias para tipificar como delitos os seguintes feitos, sempre que se cometan intencionadamente: violencia psicolóxica (artigo 33); acoso (artigo 34); violencia física (artigo 35); violencia sexual, incluída a violación (artigo 36); matrimonios forzosos (artigo 37);  mutilaciones xenitais femininas (artigo 38); aborto e esterilización forzosa (artigo 39). Tamén o Convenio de Istambul obriga aos Estados Parte a adoptar as medidas lexislativas ou doutro tipo necesarias para que o acoso sexual (neste caso sen esixir unha intención) sexa castigado con sancións penais ou outro tipo de sancións (artigo 40).

Deste xeito, segundo o Convenio de Istambul serían constitutivas de violencia de xénero as seguintes condutas tipificadas como delito no Código penal español:

— Violencia cometida pola parella ou ex parella (que é, na lexislación española vixente, a única manifestación de violencia de xénero cualificada explicitamente como tal violencia de xénero), e violencia cometida por outros familiares homes (pais, tíos, irmáns ou fillos; cónxuxe ou parella da nai), incluíndo a violencia sexual (en particular abusos sexuais a nenas e situacións  incestuosas).

— Feminicidio íntimo directo (asasinato / homicidio dunha muller polo seu cónxuxe, parella, familiar ou similar) ou  relacional (mátase a unha persoa pola súa relación coa muller), e feminicidio non íntimo (mátase a unha muller sen relación co agresor).

— Delitos sexuais en toda a súa extensión: violacións, agresións, abusos sexuais e imposición de calquera relación sexual non desexada; violacións grupais (moi amentadas tras o caso da manda; en Francia coñécense como  tournantes).

— Rapto, consistente no secuestro dunha persoa con finalidade de acceso carnal que ten  usualmente por vítimas ás mulleres.

—  Mutilaciones xenitais femininas.

— Matrimonios forzosos e matrimonios infantís

— Subtracción de bebes a nais solteiras coa finalidade supostamente beneficiosa para o bebe de darlle unha familia decente.

— Abortos forzados, isto é a práctica dun aborto realizado a unha muller sen solicitar desta o seu consentimento previo e informado.

— Trata de persoas ( usualmente mulleres e nenos ou nenas) con fins de explotación sexual; venda de nenas; diversas formas de explotar a prostitución allea.

— Acoso consistente no feito  intencional de adoptar, en varias ocasións, un comportamento ameazador contra outro que lle leve a temer pola súa seguridade ( stalking).

—  Engano de nenas ou mulleres adolescentes,  usualmente a través de novas tecnoloxías, coa finalidade de obter imaxes sexuais que elas mesmas facilitan, ou máis xenericamente de obter calquera avance sexual ( grooming).

— Difusión de imaxes sexuais, obtidas lexitimamente no contexto dunha relación sexual consentida que logo rompe ( revenge  porn) ou  ilexítimamente,  usualmente a través de novas tecnoloxías, o que nalgunha desgraciada ocasión conduciu mesmo ao suicidio da vítima; ou ameaza de difundilas ( sextorsión).

— O  upskirting ou fotografar a mulleres en espazos públicos debaixo da saia.

— Acoso sexual ou sexista no traballo, ou noutras relacións, que son delituosos en determinadas circunstancias máis graves, sendo nos demais casos ilícitos civís.

Que as vítimas de todas as anteriores condutas sexan exclusiva ou maioritariamente mulleres non pode ser unha casualidade. Unha  aleatoridedade dese calibre non existe na realidade da vida. Debe existir unha explicación en forma de denominador común que permita explicar tanto a existencia das devanditas condutas como a súa evidente incidencia sobre o sexo feminino. E ese denominador común é o xénero. Por iso, a violencia de xénero non é unha casualidade senón que é un fenómeno estrutural baseado no xénero, e así se di no Preámbulo do Convenio de Istambul: “a natureza estrutural da violencia contra as mulleres está baseada no xénero”.

Considerar que a violencia existe tamén contra os homes, ben no ámbito familiar ou ben nun contexto máis xeral, co cal a violencia de xénero non existe como tal violencia de xénero ou, cando menos, non debe ser tratada dunha maneira diferente ás demais violencias, é unha postura  negacionista que non resulta xustificable, pois sendo obviamente certo que os homes son tamén vítimas de delitos violentos (e que eses delitos violentos se poden producir no ámbito doméstico), de aí non se pode deducir loxicamente que a violencia de xénero non exista nin que se deba diluír no concepto xeral de violencia dado que, con igual  obviedade, debemos concluír que a violencia de xénero existe cunhas características propias que deben ser coñecidas para poder loitar contra ela de maneira efectiva (e que determinan adicionalmente que a maior parte dos delitos cometidos no ámbito doméstico teñan por vítimas ás mulleres), da mesma maneira que (por poñer exemplos) a violencia racista, mafiosa ou terrorista teñen características específicas que necesitan ser coñecidas, e tomadas en consideración na lexislación, para poder loitar contra elas.

O  negacionismo resulta ser unha manifestación secundaria de violencia de xénero, pois aínda que quen nega non comete actos de violencia, coa negación lexitímaos.

 

 

 

 

The comments are closed.


GABINETE DE COMUNICACIÓN

Rúa do Hórreo, 65
15700 Santiago de Compostela
A Coruña
Teléfono [+34] 981 56 97 40
FAX [+34] 981 57 23 35

comunicacion@valedordopobo.gal