O martes 8 de febreiro, a Valedora do Pobo e o Consello da Cultura programan a cuarta actividade conxunta, froito do acordo asinado en 2020 para abordar asuntos relacionados coa inclusión. Nesta ocasión abórdase a problemática dun novo xeito de discriminación por mor da idade, xa coñecido como idadismo. A especial vulnerabilidade das persoas maiores vese incrementada pola intersección con outras discriminacións coma o xénero, a orientación sexual, discapacidade ou dependencia.
Ata o de agora, tiveron lugar tres actividades. En novembro pasado, no marco dunha xornada sobre Violencia institucional, interviron a gañadora e a finalista do I Premio para Traballos Fin de Grao e a finalista para Traballos de Fin de Mestrado, organizados pola Valedora e as tres universidades galegas. No mes de xuño celebrouse o encontro de “Mulleres rurais. Unha ollada desde Galicia e América Latina” na que participaron especialistas na materia de ambas as beiras atlánticas. En abril dese mesmo ano, desenvolveuse unha segunda sesión dedicada ao pobo xitano, organizada en colaboración coa Fundación Secretariado Xitano. Esta actividade tivo unha primeira parte en novembro de 2020.
Na xornada sobre idadismo, alén da propia temática que contará con especialistas na materia e terá como conferencia inaugural a impartida pola Valedora, Dolores Fernández Galiño, dáse a circunstancia de contar coa colaboración dun concello de tipo medio, como é o do Carballiño, cunha casuística importante na materia obxecto de reflexión. Daquela, do punto de vista organizativo, supón escoller unha localización pouco frecuente para este tipo de actos na procura de favorecer a participación da poboación que, habitualmente, non se desprazaría a outras localidades diferentes.
The comments are closed.