A valedora compareceu ante o pleno do Parlamento de Galicia polo Informe Ordinario 2016 e pediu colaboración institucional para o mellor desenvolvemento da súa tarefa de control

25 Abril, 2017 Institución, Novas, Transparencia

Coa comparecencia en pleno, a valedora do pobo completou a tramitación parlamentaria do Informe Ordinario 2016 que da conta das cerca de 65.000 queixas tramitadas nese exercicio.

Santiago de Compostela, 25 de abril de 2017. A valedora do pobo, Milagros Otero Parga, compareceu hoxe ante o pleno do Parlamento de Galicia para culminar a tramitación parlamentaria do Informe Ordinario 2016 da institución. Nunha intervención de trinta minutos someteu a repaso as políticas públicas das administracións sometidas á súa supervisión con motivo das queixas tramitadas na anualidade.

Tal e como reflectiu durante o seu discurso, durante o 2016 a institución atendeu a moitas máis persoas, organizacións e entidades, e se preocupou por maior número de problemas. “Somos unha institución eficaz e necesaria”, aseverou a valedora, para engadir que a institución traballa con dedicación para atender as demandas dunha forma áxil, clara, gratuíta e imparcial. “A sociedade sábeo e por iso acode a nós consciente de que non imos xulgar, senón unicamente escoitar e axudar no que estea nas nosas mans”, expresou.

No ano 2016 a institución atendeu as queixas dun total de 64.937 persoas. Calquera problema que afecte ao normal exercicio dos dereitos da cidadanía galega é igual de importante, segundo indicou a valedora do pobo na súa comparecencia. Algúns casos resultan máis dolorosos, engadiu,  por afectar a dereitos de persoas máis desprotexidas.  Nestes casos, dixo,  “o dano adoita ser maior, porque a estas persoas resúltalles máis difícil defenderse, converténdose así moitas veces en presa fácil para os depredadores de dereitos”.

Milagros Otero Parga amosou o  firme compromiso da valedoría por seguir traballando en prol das persoas. Ten intención de perseverar nos casos nos que a súa actuación en 2016 non abondou para atopar a solución máis desexable para os reclamantes. Nesa tarefa reivindicou a colaboración de todas as institucións pois, como dixo, “a falta de sintonía entre estas e una institución de control como o Valedor redunda en prexuízo da boa saúde democrática”. “Os poderes públicos no deben entender que o Valedor do pobo é un inimigo”, engadiu.

A institución do Valedor do Pobo remitiu máis de cen recomendacións ou suxestións o ano pasado ás diferentes administracións (autonómicas, locais e provinciais) das que o 84% foron aceptadas. A valedora agradeceu os casos nos que os entes supervisados, se ben non compartiron o contido das resolucións, as consideraron de forma construtiva, en beneficio da cidadanía e como mostra de lealdade institucional. “Non resulta aceptable responder as valoracións achegadas con ataques de intención deslexitimadora das institucións, práctica na que o valedor do pobo non caerá”, engadiu.

O Informe Anual recolle a actividade despregada polo Valedor do Pobo durante 2016. O obxectivo central de todas as actuacións pasa por chegar ao maior número de cidadáns para prestar a axuda e asistencia necesaria. O número xeral de actuacións de atención á cidadanía (queixas, atención telefónica e presencial) incrementouse este ano nun 62% ata acadar a histórica cifra de 75.780. Delas, 64.937 deron lugar a expedientes de queixa, o que permitiu ao alto comisionado parlamentario investigar un total de 2.356 actuacións administrativas.

Coa comparecencia de hoxe, o Informe Ordinario 2016,  que previamente foi entregado ao presidente da Cámara galega (27 de marzo)  e  resumido pola valedora ante a Comisión de Peticións (3 de abril) completa a súa tramitación parlamentaria.

The comments are closed.


GABINETE DE COMUNICACIÓN

Rúa do Hórreo, 65
15700 Santiago de Compostela
A Coruña
Teléfono [+34] 981 56 97 40
FAX [+34] 981 57 23 35

comunicacion@valedordopobo.gal