O escándalo das axudas para o coidado en Holanda: dobre discriminación, de nacionalidade e de xénero por Nuria Reche Tello, Graduada Social, Profesora Dereito Constitucional Universidade Miguel Hernández.

18 Marzo, 2021 actualidade, falamos de feminismo, Novas, Novas

Eva González Pérez, avogada cacereña afincada desde os dous anos en Holanda, puxo en xaque ao goberno dese país, presidido por Mark  Rutte, que tivo que dimitir en bloque o pasado mes de xaneiro.

 

Trátase dun asunto sen precedentes no que, a grandes liñas, a axencia tributaria retirou inxustificadamente as axudas concedidas ao coidado de fillos a case 30.000 familias, a maioría de orixe turca e marroquí, baixo a acusación de fraude fiscal, pedindo incluso a súa devolución con carácter retroactivo, e convidando aos interesados a acudir aos tribunais se non estaban conformes.

 

Aínda que as axudas, inicialmente, se outorgaban, a todos os proxenitores que reunían os requisitos, os funcionarios de Facenda revisaban máis tarde a súa concesión, rexistrando e anotando o país de orixe das familias solicitantes, procedendo a retiralas por considerar a nacionalidade como un criterio de risco, presumindo que neses fogares podía darse con máis frecuencia unha fraude.

 

Eva González, que tivo coñecemento do problema ao dirixir o seu marido unha axencia de coidados infantís en Eindhoven, empresa que se viu directamente implicada debido a que as familias contrataban os seus servizos pagando coas axudas que recibían do Estado, levou a defensa dun primeiro grupo e deu a voz de alarma.

 

Os casos comezaron a sucederse en 2014. De maneira significativa, un ano antes, o goberno holandés, por entón unha coalición de centro-esquerda, “avogou por substituír o Estado de benestar considerado do século  XX, por unha sociedade participativa do século  XXI. Foi unha forma dixerible de anunciar a redución do déficit e o axuste dos custos dos dependentes e enfermos crónicos, así como da xenerosa gama de apoios sociais. Deste xeito achandábase o camiño para converter o coidado dos vulnerables nunha obrigación moral tamén para o cidadán” (El País, 24 de xaneiro de 2021).[1]

 

O relato dunha das afectadas (El País, 24 de xaneiro de 2021) pon de manifesto como a avoa materna, coidadora profesional, percibía unha remuneración por traballar coidando dos seus netos. A súa filla, Sibel, recibía o subsidio para pagar, ben a gardería, ben a unha empregada, nese caso á súa propia nai. Ao retirarlle o Estado a axuda, Sibel perdeu o seu emprego para dedicarse ao coidado dos seus fillos, e a súa nai, que era independente, acabou no paro e acollida pola súa filla. Facenda requiriulles 60.000 euros por un período de catro anos acusándoas de fraude.

 

Finamente os tribunais acabaron dando a razón ás persoas afectadas. Cada familia recibirá unha compensación de 30.000 euros e a condonación da débeda contraída coas entidades gobernamentais. A axencia de protección de datos determinou que a actuación da axencia tributaria incorreu en discriminación racial ao anotar a orixe dos proxenitores, vulnerando así as leis de protección de datos. Ao mesmo tempo o Defensor do Pobo e o Defensor do Menor publicaron informes críticos neste sentido e as institucións competentes tiveron que asumir a responsabilidade. Así, en 2018 dimitiu o Ministro de Facenda e en decembro de 2020 o informe dun Comité Parlamentario cualificaba a actuación da Administración Tributaria como “inxustiza sen precedentes” que violaba os principios do Estado de Dereito precipitando a dimisión do Goberno de Mark  Rutte.

 

O escándalo pon ao descuberto, non só a manifesta arbitrariedade da Administración, senón o nesgo institucional polos prexuízos raciais e de xénero dun país aparentemente moderno e avanzado, considerado segundo o informe de Unicef de 2020[2]  como o que mellor tutela o benestar da infancia.

 

A avogada, na entrevista concedida á revista Mujer Hoy[3] o 6 de febreiro de 2021, relata que se criou en Holanda entre coidadoras porque os seus pais tiñan que traballar e conta que sempre foi un problema para eles atopalas. Este país, do mesmo xeito que o resto dos considerados como desenvolvidos, atopou a solución aos problemas de conciliación familiar nas mulleres migrantes que, nas últimas décadas, se encargaron maioritariamente de coidar dos seus menores. Ademais, os roles tradicionais de xénero afianzábanse desde o colexio, en conexión coa nacionalidade. “En Holanda, cando tes 11 anos, tes que facer un exame que determina a que tipo de colexio podes ir. Os meus pais non coñecían o sistema e eu empecei indo á escola máis sinxela de todas, na que che ensinaban a cociñar e, basicamente, a ser ama de casa. Era a habitual entre os fillos de inmigrantes. O meu pai deuse conta ao ano e sacoume de alí. O meu camiño ata a universidade foi máis longo por esa razón”.

 

Aínda que a maioría dos medios de comunicación consultados puxeron o acento na discriminación racial do caso, o certo é que a patente discriminación sexo/xénero pasou desapercibida, xa que tanto as coidadoras que viron os seus contratos rescindidos polo cesamento das axudas, como as perceptoras das mesmas, ademais de inmigrantes, eran na súa maioría mulleres.

 

E é que o debate sobre o coidado e, sobre todo, sobre quen debe asumilo, segue quedando relegado a un segundo plano e  residenciado no ámbito privado.

 

En Holanda, o gran protagonista en materia de conciliación é o emprego a tempo parcial, principal forma de contratación das mulleres que trata de integrar unha modalidade de traballo a medida a fin de combinar actividade laboral e familia. Este sistema non cuestiona nin a repartición de tarefas nin os roles tradicionais de xénero, aínda que existe unha ampla estrutura de axudas fiscais e de seguridade social, destinadas ás familias con fillos ao seu cargo, e cuxo obxectivo xeneral é garantir que os custos ocasionados pola crianza non resulten unha carga desmedida para as unidades familiares. Aínda que o Estado compensa  economicamente as tarefas do coidado dos menores, o deriva cara á unidade familiar, polo que se afianza a  división sexual do traballo, xa que son as mulleres as que optan habitualmente, ben por traballar a tempo parcial, ben por recibir unha  contraprestación  económica que compense a súa retirada do mercado de traballo. Iso, á súa vez, segrega ás traballadoras en  función das súas características  sociodemográficas e  perpetúa os estereotipos de  xénero.

 

Polo que respecta ao coidado das persoas maiores dependentes ou con discapacidade nos últimos 25 anos, a “atención informal”, foi adquirindo relevancia. Esta consiste no ofrecemento de axuda desinteresada e gratuíta a unha persoa enferma, discapacitada ou fráxil por alguén da súa contorna inmediata.

 

En 2020 o Instituto Holandés para a Investigación Social fixo publico o informe “Coidadores informais holandeses en foco, onde se evidencian algúns aspectos críticos na atención informal en Holanda: a presión sobre os coidadores informais polo aumento de persoas dependentes; o incremento de obrigación e responsabilidade  de prestar atención informal entre os 45 e os 64 anos por unha maior probabilidade de coñecer a alguén que necesita axuda fronte aos máis novos; unha serie de sinais de sobrecarga nas persoas coidadoras informais; ou a dificultade destas persoas de atopar apoio porque os receptores dos coidados non están dispostos a aceptalos doutra persoa, ou ben porque non hai persoas dispoñibles para atendelos.

 

En todas estas cuestións, como o informe revela, son as mulleres as que prestan coidados informais en maior proporción que os homes, do mesmo xeito que a presión que experimentan, e que se traduce en aspectos tales como problemas de saúde, falta de tempo, absentismo laboral ou resultados académicos negativos, recae sobre as mulleres en maior parte pola carga de responsabilidade e polo tipo de actividades que desempeñan. Estas senten que teñen menos opcións porque as expectativas do grupo próximo son maiores en relación ao coidado que elas deben brindar. Ademais, as tarefas que prestan as mulleres adoitan implicar á parte máis íntima e emocional (apoio, aseo persoal, visitas ao médico, etc.), mentres que as dos homes enfócanse ás relacionadas con solucións prácticas e máis sinxelas de planificar nun horario, por exemplo, as relativas á administración e o transporte.

 

En resumo, atopámonos perante a falacia da “sociedade participativa” na medida en que moitas persoas se ven privadas de “participar” na construción social, ou o fan desde unha posición lastrada pola desigualdade de oportunidades e de trato.

 

Calquera que sexa a configuración do Estado do benestar, aínda en aras dunha “actualización” ou “modernización” que frecuentemente a baleira de contido, resulta incuestionable que os poderes públicos deben continuar intervindo mediante unha posición activa que afronte as discriminacións desde a súa raíz cultural.

 

O contrario aboca ás democracias contemporáneas ao retorno a vellas inercias que, en materia de dereitos sociais, nos devolven á casa de saída.

 

 

 

[1]

[2]

[3]

The comments are closed.


GABINETE DE COMUNICACIÓN

Rúa do Hórreo, 65
15700 Santiago de Compostela
A Coruña
Teléfono [+34] 981 56 97 40
FAX [+34] 981 57 23 35

comunicacion@valedordopobo.gal