O consumo de alcohol entre a adolescencia galega ofrece patróns preocupantes

07 Abril, 2015 Institución, Menores, Novas

O valedor do pobo, José Julio Fernández, presidiu hoxe a presentación dos principais resultados dun estudio sobre o consumo de alcohol e outras drogas por parte da adolescencia galega. O traballo foi elaborado pola Unidade de Psicoloxía do Consumidor e Usuario da Universidade de Santiago (USC-PSICOM), coa que habitualmente colabora o alto comisionado parlamentario. Entre outras conclusións destaca o inicio dos máis novos nestes consumos a idades máis temperás e a diminución da súa presencia nos denominados botellóns.

O estudio foi financiado polo Plan Nacional sobre Drogas e coordinado polo profesor da USC, Antonio Rial Boubeta. O mesmo permite facer unha radiografía do consumo de alcohol e outras drogas entre os adolescentes galegos. Máis de 3.000 mozos e mozas que cursan seus estudios de ESO, FP e Bacharelato participaron no mesmo. Destaca a colaboración técnica de expertos da Universidade de Harvard e do Boston Children’s Hospital, así o apoio institucional do Valedor do Pobo.

Os datos recollidos revelan unha diminución significativa na práctica do botellón. Os rapaces amosan, sen embargo, un patrón de consumo claramente perigoso, con porcentaxes de policonsumo, consumo paralelo de diversas substancias, moi elevadas e idades de inicio no mesmo cada vez menores.

O consumo non atende, neste sentido, a diferencias de xénero, da zona xeográfica, nin do nivel de estudos de pais e nais. O que si poñen enriba da mesa os expertos que elaboraron o traballo é a incidencia nestas prácticas de cuestións como os cartos cos que saen os adolescentes, a hora de chegada a casa, o consumo no fogar e o círculo de amizades máis directo.

Todos estes aspectos deberán contribuír a abrir una fonda reflexión, individual e colectiva, acerca da educación e as rutinas nas familias.

CONTEXTO

O consumo de alcohol e outras drogas entre os adolescentes constitúe a día de hoxe un dos grandes problemas socio sanitarios na nosa comunidade. A evidencia científica ten demostrado que a inxestión abusiva de alcohol pode desencadear alteracións cerebrais irreversibles, ademais de consecuencias negativas a curto e medio prazo no plano do comportamento e no eido familiar e social. Esta realidade pode ter consecuencias preocupantes como a aparición de situacións de alcoholismo na idade adulta, de fracaso escolar, conflitividade, condutas sexuais de risco ou accidentes de tráfico.

A Estratexia Nacional sobre Drogas 2009-2016 sitúa o consumo de alcohol entre a mocidade como unha das súas grandes prioridades, o mesmo que sucede a nivel europeo coa Estratexia do Consello de Europa en materia de loita contra a droga 2013-2020. Segundo os datos facilitados polo Ministerio de Sanidad, Servicios Sociales e Igualdad (Plan Nacional sobre Drogas [PNSD], 2014), o 81,9% dos mozos e mozas españois de entre 14 e 18 anos teñen consumido alcohol no último ano (o 74% no último mes) e o 52% tense emborrachado (30,8% no último mes).

O popular botellón ten suscitado tamén unha enorme controversia nos últimos tempos. Moitas veces grazas a intensa actividade despregada por esta defensoría, foi prohibido en boa parte dos concellos galegos. Mías do 60% dos e das adolecentes galegos facían botellón regularmente hai tan só 3 ou 4 anos.

Esa alta incidencia do consumo de alcohol entre a mocidade galega e a necesidade de dispor de datos obxectivos cos que avaliar a eficacia das accións e políticas públicas iniciadas xustifican a realización de estudios como o hoxe presentado. Só desde modo dispomos de datos actualizados, rigorosos e precisos, cos que poder afondar na análise do problema na procura de solucións.

The comments are closed.


GABINETE DE COMUNICACIÓN

Rúa do Hórreo, 65
15700 Santiago de Compostela
A Coruña
Teléfono [+34] 981 56 97 40
FAX [+34] 981 57 23 35

comunicacion@valedordopobo.gal