O ACOSO SEXUAL É A BASE DA PIRÁMIDE DA VIOLENCIA DE XÉNERO por José Fernando Lousada Arochena, Maxistrado, Docente e Escritor.

19 Novembro, 2019 falamos de feminismo, Violencia de xénero

 

Aínda que a conciencia colectiva asocia inmediatamente a violencia de xénero á violencia na relación de parella ou exparella debido en gran medida ao concepto restrinxido de violencia de xénero da lexislación española, e ás manifestacións en principio máis graves de violencia de xénero, como a violación e demais delitos sexuais, o acoso sexual é a manifestación máis básica de violencia de xénero, á vez que contén no seu estado máis prístino os elementos conceptuais da violencia de xénero.

 

Sen unha análise de xénero o acoso sexual é unha conduta lícita e mesmo socialmente aceptada como forma ordinaria de achegamento sexual. Mentres que cunha análise de xénero é un comportamento situado na base da pirámide da totalidade das manifestacións de violencia de xénero. Non resulta en absoluto unha casualidade que entre as primeiras teorizacións de violencia de xénero precisamente figure a visibilización do acoso sexual (Catharine MacKinnon: Sexual harasment of working women, 1979).

 

A nada que se reflexione, iso atopa a súa explicación en tres consideracións:

 

— Que o acoso sexual obedece, non (como aparentemente se puidese pensar) ás apetencias sexuais do agresor, senón a un determinado estereotipo de entendemento da sexualidade no cal o home é o cazador (é o suxeito activo na aproximación sexual) e a muller é a presa (é un obxecto pasivo con posibilidade limitada de acción).

 

— Que os estereotipos sexuais (como o é o do home cazador / muller presa) son un elemento básico do xénero como construción social, pois enténdese que un home é home e unha muller é muller se o seu comportamento sexual se aten ao estereotipo sexual de home ou muller; ou sexa, o acoso sexual consolida todo o xénero.

 

— Que a tradicional licitude / tolerancia do acoso sexual determina que, sen incorrer en ilícito, os homes poidan como suxeitos activos do acoso situar ás mulleres como obxectos pasivos actualizando na realidade o estado de dominación / submisión que está na xenética do patriarcado: así é como se perpetúa o xénero sen custo legal ou social.

 

Da conxunción desas tres circunstancias conclúese dereitamente que o acoso sexual conecta directamente coa esencia do xénero como estrutura de dominación máis mesmo que outras formas de violencia de xénero que na conciencia social se identifican máis claramente coa violencia de xénero, como ocorre coa violencia nunha relación de parella ou ex parella, ou coa violación, agresións ou os abusos sexuais.

 

Baixo este paraugas argumental, compréndese a importancia do acoso sexual na loita pola igualdade efectiva, así como a transcendencia pública que nas últimas décadas atribuíuse, entre outras cuestións, á acusación de acoso sexual de Anita Hill durante o proceso de confirmación de Clarence Thomas como Maxistrado do Tribunal Supremo (maxistrado de raza negra nomeado a finais dos oitenta por Reagan). Todo o cal se revelou con renovada actualidade na campaña metoo que visibilizou numerosas situacións de acoso sexual en Hollywood e entre famosos.

 

Non resulta de estrañar, dada a transcendencia pública que desde a década dos oitenta ten o acoso sexual na vida pública estadounidense, que tamén o cine tratase a temática do acoso sexual. Vale a pena deterse nas dúas películas máis destacadas.

 

A coñecida película “Acoso” de Barry Levinson (1994) sitúanos no escenario inusual dun acoso de muller a home onde a posición de poder (é dicir a posición masculina) se atribúese á muller, mentres a posición de submisión (é dicir a posición feminina) atribúe ao home. Michael Crichton, autor da novela en que se baseou o guión da película, deulle á trama esa pincelada frívola ao atribuír ao sexo feminino os roles de xénero masculinos, e á inversa, ao atribuír ao sexo masculino os roles de xénero femininos. Que ocorrería se o home tamén respondese ao activo rol masculino? Pois que a película non tería percorrido pois á primeira insinuación de Demi Moore, Michel Douglas levaríaa á cama … e acabaríase a película.

 

Ao contrario que “Acoso”, a película “En terra de homes” (2006), dirixida por Niki Caro, e interpretada por Charlize Théron, aborda a temática do acoso sexual con máis fidelidade á realidade das cousas. E é que está baseada nun caso xudicial de notable importancia: o Caso Jensen versus Eveleth Taconist (1991), do Tribunal de Distrito de Minnesota. A empresa, que se dedicaba á extracción de mineral de taconita, estaba integrada maioritariamente por homes cun pequeno grupo de mulleres que entraron na empresa a través dunha acción positiva. O ambiente de traballo estaba fortemente sexualizado a través de bromas obscenas, proposicións, comentarios obscenos … Deste xeito, existían dous ambientes de traballo: un, o que afectaba os homes, libre de acoso sexual, e outro, o que afectaba as mulleres, impositivo de acosos sexuais.

 

The comments are closed.


GABINETE DE COMUNICACIÓN

Rúa do Hórreo, 65
15700 Santiago de Compostela
A Coruña
Teléfono [+34] 981 56 97 40
FAX [+34] 981 57 23 35

comunicacion@valedordopobo.gal