Non me dá a vida para ser xornalista por María Méndez, Presidenta Asociación de Xornalistas de Galicia.

10 Marzo, 2021 falamos de feminismo, Novas, Novas

 

Indescritible impotencia. Pero tamén unha enorme complicidade é o que provocan intervencións como a realizada por unha xornalista dun importante medio de comunicación galego,  no transcurso do último Congreso “Medios de Comunicación e Igualdade” organizado pola Asociación de Xornalistas de alicia ( APG).

Revelaba a miña colega con grande frustración: “Hoxe permítome estar convosco porque é o meu día libre, pero son moitas veces que teño que declinar a invitación doutros foros porque, de verdade, non me dá a vida para traballar como redactora xefa e coidar aos meus dous nenos. Eu creo que aos homes lles resulta máis fácil, e por iso eles gañan un espazo que nós non temos”.

É a viva e rotunda declaración do esforzo supremo que veñen realizando as mulleres nunhaa profesión que, por desgraza, segue sen superar a fenda entre xéneros. De feito, a nosa situación laboral non mellorou substancialmente desde que nos incorporamos a estas tarefas, atopándonos  ademais con importantes obstáculos laborais que nos impediron un recoñecemento igualitario. Dificultades que, se cabe,  acrecentáronse de maneira drástica coa irrupción do Covid19 nas nosas vidas.

Resulta desolador que coa pandemia que nos devasta, a metade das mulleres xornalistas experimentasen  un aumento das desigualdades de xénero, segundo unha enquisa realizada durante o pasado ano pola Federación Internacional de Xornalistas (FIP) entre máis de 500 mulleres xornalistas en 52 países.

Estes tempos de cólera, que tantas limitacións xeraron en todas as facetas vitais, desvelounos tamén, con meridiana nitidez, a fraxilidade que xa viña soportando a presenza da muller en moitos ámbitos da profesión xornalística. Pero de maneira máis desorbitada, se cabe, no terreo da conciliación da vida laboral e familiar.

A pesar dos esforzos en materia de igualdade que se viñeron realizando durante os últimos anos, seguen resultando claramente insuficientes as medidas tendentes a favorecer unha participación equilibrada entre ambas as tarefas: a persoal e a profesional.  Proba diso é que cando xorden imprevistos como os provocados pola pandemia, co peche de colexios e a suspensión de actividades dos máis pequenos, as mulleres xornalistas son as que optan de forma maioritaria por reducir a súa xornada laboral para facer fronte ao coidado dos nenos.

Enquisas acoutadas a algunhas áreas xeográficas apuntan que ata un 83% das mulleres xornalistas tiveron que recorrer a esta medida laboral. E iso a pesar de que a crise sanitaria  aumentou a flexibilidade do posto de traballo e a capacidade de traballar desde casa. Unha versatilidade que puidese parecer vantaxosa, pero que resulta incompatible co exercicio dunha profesión que require unha extrema mobilidade e adaptación horaria acorde ao acontecer informativo.

E, por suposto, a medida que a crise económica fai efecto nas empresas mediáticas, a xestión dos tempos para axustar ambas as realidades tamén se torna moito máis complexa ao ter que realizar as mesmas tarefas cunhas redaccións máis achicadas e por tanto, con menor capacidade de manobra á hora de optar a horarios que permitan poder conciliar.

Constando, pois, que aínda pervive unha reprodución dos roles de xénero e que a opción de ser nai segue penalizando á hora de exercer esta profesión, podería concluírse que ser muller implica un enorme  hándicap á hora de prosperar na escala profesional.

De tal forma que as redaccións seguen sendo territorios femininos, mentres que os despachos se manteñen como dominios masculinos.  Así,  e a pesar de que cada vez é maior o número de mulleres que se incorporan á profesión (ata un 60%), segue dándose unha absoluta primacía dos homes nos postos directivos (ata o 75 %).

Non me dá a vida para traballar nesta profesión, dicía a nosa xornalista como o máis fiel reflexo da situación que atravesan as mulleres que poñen os seus talentos e o seu quefacer ao servizo desta honorable actividade. As axendas públicas e a política social, deberían  cincelar entre as súas prioridades esta queixa inspirada por unha  lacerante ausencia de equidade de xénero.

 

The comments are closed.


GABINETE DE COMUNICACIÓN

Rúa do Hórreo, 65
15700 Santiago de Compostela
A Coruña
Teléfono [+34] 981 56 97 40
FAX [+34] 981 57 23 35

comunicacion@valedordopobo.gal