No mes de maio iniciamos ante o Defensor del Pueblo unha actuación para dar canle á reivindicación iniciada por un grupo de alumnos de Bacharelato respecto aos contidos da materia de “Historia da arte” e da proba da ABAU co obxectivo de que se inclúan mulleres artistas no programa da materia e nas probas de avaliación para o acceso á universidade.

29 Xullo, 2021 actualidade, Novas, Novas

O Defensor del Pueblo vén de comunicarnos a resposta do Ministerio de Educación, en plena sintonía coas consideracións que esta institución trasladou no seu momento sobre a importancia fundamental de fomentar a igualdade efectiva entre homes e mulleres, a valoración crítica das desigualdades entre ambos os sexos e o rexeitamento aos comportamentos e contidos sexistas, así como aos estereotipos que supoñan discriminación. Así mesmo, compártese a vontade de facer visible a presenza da muller en todos os ámbitos e, por suposto, tamén das súas achegas á arte, a ciencia e a tecnoloxía ao longo da historia.

Na actualidade, estase no proceso de desenvolvemento normativo de regulación dos currículos das distintas etapas educativas que desenvolven a LOMLOE, incluída a materia obxecto desta actuación, proceso no que, de maneira transversal, existe a vontade de dar visibilidade ao papel feminino en todas as esferas, no ámbito competencial deste Ministerio.

Infórmase que, con carácter previo á publicación da nova normativa sobre o currículo, esta será sometida ao trámite de consulta e información pública durante o que se poderán formular as achegas que se estimen convenientes, para ser analizadas e tidas en consideración antes de proseguir coa tramitación.

En todo caso, en función do reparto competencial en materia curricular establecido na LOMCE cuxos currículos seguen vixentes ata a implantación completa da LOMLOE, previsto para o curso 2022-23 no caso de 2° de Bacharelato, corresponde ás Administracións educativas complementar os contidos curriculares, polo que as referencias a artistas (homes e/ou mulleres) e obras concretas debe entenderse a partir do desenvolvemento dos currículos autonómicos e, mesmo, a nivel de centro.

En canto á proba ABAU, o Goberno, previa consulta ás Comunidades Autónomas, establecerá as características básicas da proba de acceso á universidade, previa consulta á Conferencia Xeral de Política Universitaria e con informe previo do Consello de Universidades e do Consello Escolar do Estado. As Administracións educativas e as Universidades organizarán a proba de acceso e garantirán a adecuación da mesma ás competencias vinculadas ao currículo do bacharelato, polo que a proba en canto ao seu contido, está asociada ao currículo correspondente que como se indicou, está en fase de desenvolvemento na actualidade.

Esta institución da Valedora do Pobo trasladará á administración educativa galega as recomendacións e suxestións oportunas para o desenvolvemento dos contidos curriculares en liña co novo obxectivo do Bacharelato establecido no artigo 33.c da nova lei educativa  LOMLOE: o fomento da «igualdade efectiva de dereitos e oportunidades de mulleres e homes, analizar e valorar  críticamente as desigualdades existentes, así como o recoñecemento e ensino do papel das mulleres na historia», que inclúe a necesaria visibilidade que debe darse ás artistas na materia de Historia da arte, non só na medida en que proporcionan modelos para os e as estudantes, senón pola importancia efectiva das súas contribucións respectivas.

 

 

The comments are closed.


GABINETE DE COMUNICACIÓN

Rúa do Hórreo, 65
15700 Santiago de Compostela
A Coruña
Teléfono [+34] 981 56 97 40
FAX [+34] 981 57 23 35

comunicacion@valedordopobo.gal