Santiago de Compostela, 22 de xuño de 2017. A valedora do pobo, Milagros Otero Parga, inaugurou onte o curso de verán “Sociedad y cine” da UNED no centro penitenciario de Teixeiro (A Coruña). Ante un auditorio composto por 82 persoas, entre alumnos internos, funcionarios e estudantes do exterior, a valedora do pobo subliñou a importancia da visita. Gran parte da súa intervención estivo adicada ás persoas que cumpren condea neste penal. “Vin a vervos, a coñecervos, a coñecer aos internos, e a que me coñezan a min”, foron as súas primeiras palabras, ás que engadiu “creo en vós, creo nas segundas oportunidades, na inserción e na capacidade de responder con responsabilidade. Cada persoa é merecedora do que loita. Estamos a esperarvos, queremos incorporarvos na sociedade”, lles indicou.
A intervención da valedora pechou un acto no que tamén interviron Jesús Miguel Garrido Cordero, director do centro penitenciario; Fernando Reviriego, director do curso e Germán Carro, director do centro asociado da UNED en A Coruña. Todos eles insistiron na necesidade da formación como camiño para acadar a auténtica liberdade. “O maior capital dos seres humanos é a educación, característica que dá liberdade”, indicou a valedora do pobo nuns termos semellantes que levou ata o final do seu discurso indicando a xeito de colofón que “a persoa libre é a que pode decidir o que pode facer na súa vida”.
A presenza da valedora no centro penitenciario completouse con unha visita guiada polas dependencias que este cárcere adica á formación dos reclusos. Ademais puido coñecer de primeira man o traballo psicosocial despregado e charlar cun grupo de internos que asistían a unha terapia de autocontrol.
A defensora tendeu a súa man á dirección para organizar, nun prazo curto de tempo, unha nova visita ao centro para dar a coñecer a institución e poder traballar cos reclusos máis polo miúdo.
The comments are closed.