A valedora do pobo, Milagros Otero Parga, compareceu hoxe perante a Comisión de Peticións do Parlamento de Galicia para continuar coa tramitación ante a Cámara do seu Informe Extraordinario “A accesibilidade en Galicia”. O documento de máis de 600 follas recolle as principais peticións que diferentes entidades que traballan coa discapacidade en Galicia realizan unha vez vencido o prazo legal para que os poderes públicos promovan a plena accesibilidade a instalacións, bens e servizos.
A valedora afirmou durante a súa intervención que “somos conscientes de que a pesar do ultimato legal xa producido, o certo é que na realidade cotiá persisten moitas barreiras que dificultan a igualdade dos cidadáns que presentan algunha discapacidade” e aseverou que “é moi habitual recibir queixas por falta de accesibilidade ou de adaptacións razoables á mesma”.
“Hoxe traio este informe extraordinario ante as súas señorías e súmome ao encargo que lles fai o pobo galego de que se arbitren dunha vez por todas os mecanismos necesarios para que sexa eficaz o cumprimento da normativa sobre accesibilidade”, especificou Milagros Otero.
Acceder á intervención íntegra da valedora: documento completo.
The comments are closed.