Milagros Otero coñece de primeira man os problemas urbanísticos de Vilaboa

19 Novembro, 2018 Institución, Novas, Transparencia

Santiago de Compostela, 19 de novembro de 2018. A valedora do pobo, Milagros Otero Parga, visitou o pasado venres o Concello de Vilaboa onde puido coñecer de primeira man a situación dos núcleos do litoral ameazados de derrubamento.

O alcalde da localidade, o socialista Luis Poceiro, e un grupo de veciños acompañaron a Milagros Otero ao peirao de Santa Cristina, para testemuñar o estado deste núcleo de vivendas próximas á auga. Tras se reunir co alcalde na Casa do Concello, e con varios dos seus concelleiros, a valedora confía en que o Plan Xeral de Ordenación Municipal que o próximo pleno pretende sacar adiante pase pronto a súa tramitación definitiva ante a Xunta de Galicia e permita resolver a meirande parte dos casos das vivendas ameazadas de derrubamento na área litoral e na zona rural, en concreto nos núcleos de Santa Cristina e San Adrián.

Un nutrido grupo de veciños, principalmente integrantes da plataforma Salvemos Vilaboa, tiveron ocasión de participar nun encontro celebrado con eles na Casa da Cultura de Riomaior. Precisamente a valedora, que unha vez ao mes se despraza a algún concello de Galicia, solicitou incluír Vilaboa no seu programa dada a existencia do problema urbanístico que lle denunciaron máis de 3.000 persoas por medio das súas queixas.

Ademais das cuestións urbanísticas que ocuparon gran parte da xornada completa de visita a Vilaboa, Milagros Otero puido falar cos representantes veciñais da grave incidencia da avespa velutina en colmeas da zona, ou de asuntos como o estado das residencias de maiores máis próximas, o alto coste das mesmas e as esperas longas para acceder a unha praza pública. As persoas que asistiron á xuntanza de Riomaior denunciaron ademais a escaseza de programas de apoio ao emprendemento e as dificultados co transporte de universitarios desde Vilaboa a Vigo, así como problemas particulares na sinalización de viales nos que, segundo algún veciño, deberían pintarse raias amarelas para evitar o estacionamento de vehículos.

As queixas presentadas polos veciños a valedora na súa visita foron rexistradas hoxe mesmo pola institución para iniciar a súa inmediata tramitación.

The comments are closed.


GABINETE DE COMUNICACIÓN

Rúa do Hórreo, 65
15700 Santiago de Compostela
A Coruña
Teléfono [+34] 981 56 97 40
FAX [+34] 981 57 23 35

comunicacion@valedordopobo.gal