Valedor do Pobo (sede)

Máis de 900 persoas confiaron ao Valedor do Pobo a solución no último ano aos seus problemas de exclusión social e dependencia

12 Febreiro, 2015 Discapacidade, Exclusión social, Institución, Novas

Santiago de Compostela, 12 de febreiro de 2015. A actividade investigadora do Valedor do Pobo despregada pola área de servizos sociais estivo focalizada un ano máis a atender os problemas dos dependentes e das persoas en risco de exclusión social. As estatísticas provisionais correspondentes ao 2014, que se darán a coñecer na presentación do informe ordinario da institución, permiten adiantar que  se desenvolveron máis de 900 actuacións de atención á cidadanía relacionadas con asuntos de índole social. Máis de 72 deron lugar a recomendacións efectuadas ás administracións afectadas, e moitas delas corresponderon a demoras relacionadas coas prestacións derivadas da lei de dependencia.

O Valedor do Pobo leva traballando arreo para afrontar os problemas dos dependentes desde hai máis de cinco anos, nos que un total de 162 persoas confiaron a esta institución á solución a diferentes disfuncionalidades relacionadas coa aplicación da lei de dependencia.  Extensos teñen sido os traballos, informes e comunicacións dentro e fóra de sede parlamentaria e as denuncias públicas acerca dos problemas detectados e que afectaron aos dereitos dos cidadáns. Estes problemas nos últimos anos centráronse nos reiterados retrasos dos procedementos de dependencia. En concreto, os dous últimos exercicios vislumbraron unha tendencia xa denunciada polo Valedor do Pobo en 2012.  As reticencias e atrasos na aprobación de programas de prestación económica para cidadáns dependentes. Os expedientes tal e como puidemos constatar paralízanse porque a prestación pedida polos interesados resulta diferente da previsión de atención adecuada da administración. Esta situación afecta sobre todo cando se solicita unha prestación económica para coidados na contorna familiar. Os expedientes paralízanse ou non se resolven.

Moitos destes casos deron lugar a recomendacións ou suxestións dirixidas á Xunta de Galicia. En caso de rexeitalas, a lei do Valedor do Pobo explicita que se debe incluír unha mención (crítica) na memoria anual da institución e dar a coñecer ao Parlamento a problemática por medio das comparecencias parlamentarias do defensor galego.

Cando o Valedor coñece polos seus propios medios ou os afectados dan conta de que a situación se prolonga, ademais de aplicar a medida indicada se insiste ante as administracións responsables na necesidade de cumprir co recomendado.

Nas nosas resposta se recomendacións sempre priorizamos aos grandes dependentes e actuamos coa urxencia que requiren as súas reclamacións.

Ante as situacións contempladas no exercicio 2014 o Valedor actuou do mesmo xeito. Nos casos nos que a consellería competente nesta materia rexeita as nosas resolucións infórmase aos afectados de que esta mala praxe se someterá a publicidade no informe ordinario. A modo de adianto a memoria incluirá, entre outros aspectos, información acerca da recepción dun bo número de reclamacións por incumprimentos relativos á lei de dependencia. Como todos os anos desde a entrada en vigor desa lei comprobáronse considerables atrasos nos programas de atención e na efectividade dos servizos ou prestacións asignadas. Estes atrasos son máis prolongados nas solicitudes de prestacións económicas por coidados na contorna familiar e menos, pero tamén considerables, na prestación de servizos.

Os expedientes das persoas con proposta de outorgamento de prestación económica para coidados na contorna familiar demóranse de forma indebida e de acordo cunha mala praxe que detectamos hai tempo e que continúa. Nos asuntos tramitados soubemos de esperas prolongadas que chegaron incluso máis alá dos 6 años.

The comments are closed.


GABINETE DE COMUNICACIÓN

Rúa do Hórreo, 65
15700 Santiago de Compostela
A Coruña
Teléfono [+34] 981 56 97 40
FAX [+34] 981 57 23 35

comunicacion@valedordopobo.gal