Máis de 21.000 persoas confiaron á nova valedora do pobo a solución ás súas queixas nos primeiros tres meses de traballo como titular da institución

15 Decembro, 2015 Institución, Novas, Transparencia

A valedora do pobo, Milagros Otero Parga, tramitou un total de 21.498 queixas desde a súa chegada á institución o pasado 2 de setembro. Nos primeiros tres meses de traballo, ademais de por en marcha iniciativas pioneiras como as visitas a concellos, reunións abertas coa cidadanía ou a apertura das oficinas en horario de tarde, a nova valedora do pobo puido concluír 8.753 expedientes, o 41% dos chegados á institución neste tempo.

Desde o pasado 2 de setembro un total de 21.498 persoas achegaron as súas queixas á valedora do pobo, Milagros Otero. De todos estes expedientes, 8.753 constaban como concluídos en data do pasado 13 de decembro, mentres que 12.630 queixas aínda se atopan abertas, en proceso de investigación. Apenas un 0,2% das queixas remitidas pola cidadanía (62) foron rexeitadas por non cumprir cos requisitos legalmente esixidos para a súa admisión a trámite. Outras 53 tiveron que ser remitidas ao Defensor del Pueblo co obxecto de instar á súa investigación por atoparse dentro do seu marco de competencias.

Incremento de actividade

Nos cen días transcorridos desde a chegada de Milagros Otero á valedoría, o rexistro contabiliza unha media de 7.166 queixas entrantes cada mes, unhas 239 cada día. Toda esta actividade tradúcese nun incremento notable do traballo na oficina, tanto no eido puramente administrativo, como no servizo de atención presencial á cidadanía por parte do persoal xurídico e auxiliar. Xa no mes de setembro ampliouse ás tardes o horario de apertura das dependencias do Valedor do Pobo co obxecto de dar cobertura  a esta ampla demanda.

Seguindo a tendencia alcista dos últimos anos, o Valedor do Pobo contabiliza no que vai de ano un total de 35.817 queixas da cidadanía das que un 60% tiveron entrada nos últimos tres meses, é dicir, desde a toma de posesión de Milagros Otero como valedora.

Reclamacións colectivas

Ao igual que nos últimos exercicios, mantense o rexistro de reclamacións promovidas por colectivos sobre un mesmo asunto. Así ocorreu coas máis de 11.000 queixas apoiadas por cadansúas sinaturas reunidas por medio de plataformas electrónicas en relación aos problemas coa elección de centros residenciais para as persoas dependentes. Estas reclamacións, dada a súa recente chegada, están aínda pendentes de completar a súa tramitación.

Cerca de mil cidadáns, por outra banda, se dirixiron á valedora para solicitar que se incremente o profesorado de pedagoxía terapéutica e audición e linguaxe no CEIP Pardo Bazán de A Coruña ante as necesidades específicas detectadas entre o seu alumnado. O expediente atópase en vías de solución despois de que a valedora do pobo emitise unha recomendación ao respecto.

Nestes tres meses a valedora do pobo emitiu 41 recomendacións ou suxestións. A maior parte delas foron aceptadas e os actos administrativos aludidos resultaron corrixidos. Un exemplo: as tres universidades galegas aceptaron a exención das taxas académicas para persoas con discapacidade seguindo o recomendado pola valedora.

Mediación con resultados

Os primeiros cen días da nova titular da institución resultaron especialmente intensos en canto á súa intervención, por medio da acción mediadora, en asuntos complexos. A valedora do pobo recibiu neste período a representantes de agrupacións afectadas pola crise das cotas no cerco, interlocutores do sector lácteo, pensionistas retornados de Alemaña, colectivos de persoas discapacitadas, asociacións de pais e nais separados ou familiares de galegos internos nalgún dos cárceres máis perigosos do mundo, entre outros. Grazas a estas entrevistas atopáronse vías de solución a problemas que levaban moito tempo enquistados, como por exemplo o acordo para a reflotación do Paquito nº 2, o buque sinistrado en decembro de 2014 con dous mariñeiros que viaxaban a bordo e que fican  desaparecidos.

A alta comisionada parlamentaria mantén aberta, por outra banda, unha liña de reforzo da colaboración entre institucións que permitiu, entre outras cuestións, avanzar na declaración de ben de interese cultural da Ribeira Sacra, un paso previo para configurar a súa candidatura para optar a se converter en Patrimonio da Humanidade da Unesco.

Por primeira vez a institución do Valedor do Pobo emprendeu actividades de achegamento á cidadanía nos seus lugares de residencia. Milagros Otero desprazouse no mes de outubro a Ourense, onde mantivo un primeiro encontro de escoita e diálogo con representantes sociais e culturais da cidade, que lle expuxeron as súas particulares problemáticas. En novembro facía o propio na cidade de A Coruña, onde máis de medio cento de persoas se achegaron ao Centro Cívico de Os Mallos para falar con ela. En ambos os dous casos, nas horas posteriores á celebración das xuntanzas,  algunha das situacións problemáticas apuntadas polos asistentes quedaron resoltas. Outras están a piques de ter resultados favorables.

Pedagoxía de dereitos

A valedora do pobo está convencida do seu importante labor na consolidación dunha verdadeira cultura de dereitos. Confía moito nas posibilidades do labor pedagóxico e a necesidade de transmitir esta mensaxe aos menores e adolescentes galegos. Cre que queda por diante moito traballo coa mediación, para avanzar na formación nos valores da convivencia en paz. Nestes tres primeiros meses de traballo xa tivo oportunidade de celebrar con éxito unha xornada con escolares galegos de entre 12 e 17 anos procedentes de sete centros da comunidade aos que invitou a debater en Santiago acerca dos novos espazos para a ciberviolencia de xénero. Seguirá traballando nesta liña.

The comments are closed.


GABINETE DE COMUNICACIÓN

Rúa do Hórreo, 65
15700 Santiago de Compostela
A Coruña
Teléfono [+34] 981 56 97 40
FAX [+34] 981 57 23 35

comunicacion@valedordopobo.gal