Os ombudsman europeos apelan aos estados a defender os dereitos das persoas e a acoller migrantes e refuxiados

06 Abril, 2017 Institución, Novas

Santiago de Compostela, 6 de abril de 2017. A valedora do pobo asistiu o pasado día 4 en Barcelona ao segundo seminario internacional da sección europea do Instituto Internacional de Ombudsman (IOI) do que forma parte a institución. Como conclusión das reflexións escoitadas no Parlament de Cataluña, os defensores europeos subscribiron a Declaración de Barcelona para instar os gobernos a cumprir cos acordos internacionais de dereitos humanos e cooperar en rede para facer fronte aos retos comúns que presenta a defensa dos dereitos e liberdades.

Os días 3 e 4 de abril representantes da sección europea do IOI, incluída a institución do Valedor do Pobo, participaron en Barcelona no seu segundo seminario internacional no que se abordaron os retos dos dereitos humanos en Europa. O evento congregou unha corentena de ombudsman (defensores) de toda Europa e culminou cunha declaración aprobada por todos, na que se denuncian as restricións aos dereitos humanos e as liberdades fundamentais que se producen nalgúns países europeos baseadas en ameazas á seguridade e á orde pública.

No documento, os defensores comprométense a promover e defender os dereitos humanos e as liberdades fundamentais, tanto no contexto económico como social, civil e político. Pídese aos estados da Unión Europea que cumpran plenamente os seus deberes internacionais en materia de dereitos humanos e supriman os estados de excepción. Indícaselles ademais a necesidade de acollemento das persoas migrantes e refuxiadas, en cumprimento da proposta da Comisión Europea de setembro de 2015, de acordo cos tratados internacionais e europeos de dereitos humanos, cunha atención especial ao interese superior dos menores.

Na segunda xornada do seminario participou a valedora do pobo, Milagres Otero Parga, como moderadora da cuarta sesión: Boas prácticas, dereitos humanos, redes e modelos de Ombudsman na que tomaron a palabra: Petri Jääskeläinen, ombudsman de Finlandia; Anna ?abatová, ombudsman da República Checa; Reinier Van Zutphen, ombudsman de Países Baixos
e Rafael Ribó, síndic de greuges de Cataluña e organizador do evento como presidente do IOI Europa.

TEXTO ÍNTEGRO DE La DECLARACIÓN DE BARCELONA (Barcelona, 4 de abril de 2017).

The comments are closed.


GABINETE DE COMUNICACIÓN

Rúa do Hórreo, 65
15700 Santiago de Compostela
A Coruña
Teléfono [+34] 981 56 97 40
FAX [+34] 981 57 23 35

comunicacion@valedordopobo.gal