A empresa responsable da exhibición nas salas compostelanas comprometeuse co alto comisionado a introducir a tecnoloxía que permita a accesibilidade ás películas.
Santiago de Compostela, 28 de novembro de 2014. Grazas á intervención do Valedor do Pobo, as salas de cine compostelanas contarán nos próximos meses coa tecnoloxía necesaria para que as persoas xordas e con discapacidade visual poidan seguir as películas. Os filmes distribuídos polos canais convencionais obvian incorporar subtítulos para facer accesible á exhibición das mesmas nas salas de cine, de aí que a Asociación de Persoas Xordas de Santiago se dirixira ao Valedor do Pobo para reclamar a accesibilidade que agora, e froito de numerosos contactos despregados pola defensoría, será unha realidade.
O Valedor do Pobo leva meses traballando para conseguir a plena accesibilidade aos cines do colectivo de persoas con discapacidade auditiva. Entre as súas actuacións mantivo contactos coa Consellería de Traballo e Benestar e co Centro Español do Subtitulado e a Audiodescripción (CESeA). Grazas ás mesmas, este último puxo a disposición das empresas que operan na nosa comunidade, os sistemas necesarios para garantir a accesibilidade dos filmes a este colectivo.
Deste xeito, a compañía que xestiona os cines de As Cancelas, os únicos que permanecen abertos na cidade compostelana, informou ao Valedor que está desenvolvendo un proxecto para introducir a tecnoloxía que permita a accesibilidade ás películas. “Tan pronto como dispoñamos dos recursos financeiros necesarios, levarase a cabo de forma prioritaria” matizan na súa resposta remitida en data recente ao defensor.
O novo sistema funcionará nos próximos meses na sala, mellorando desta maneira o servizo prestado polas salas de exhibición ás persoas con discapacidade auditiva e visual.
O Valedor confía que nos próximos meses esta mesma tecnoloxía poida implantarse en todas as salas de cine que operan na nosa comunidade co fin de dar resposta a unha vella reivindicación das asociacións que traballan con persoas con discapacidade auditiva.
The comments are closed.