León acolle o taller preparatorio das XXXII Xornadas de Coordinación de Defensores que se celebrarán en Santiago no mes de outubro

15 Xuño, 2017 Institución, Novas

Santiago de Compostela, 15 de xuño de 2015. O secretario xeral da institución do Valedor do Pobo, Fernando de Andrés, asiste durante esta xornada ao taller preparatorio das XXXII Xornadas de Coordinación de Defensores. O encontro, organizado polo Procurador del Común de Castela e León en coordinación coa valedoría do pobo, reúne a representantes de todas as defensorías españolas. Do mesmo sairá un documento de consenso que servirá de base para celebrar as xornadas de coordinación de defensores no Parlamento de Galicia os vindeiros 3 e 4 de outubro.

As xornadas de coordinación de defensores celébranse cada ano nunha das localidades sede das 10 defensorías españolas. Nesta ocasión, tal e como se acordou no último encontro en Pamplona, corresponde a Galicia organizar as sesións. O tema elixido é “Dereito de acceso á información pública e transparencia”. Como institución con competencias no control da transparencia na Comunidade Autónoma de Galicia, a institución do Valedor do Pobo achegará aos participantes a súa experiencia na súa dobre face de Comisionado da Transparencia e órgano que preside a Comisión da Transparencia en Galicia.

O Parlamento de Galicia acollerá dúas sesións de traballo. A primeira contará co relatorio principal de Esther Arizmendi, presidenta do Consejo de Transparencia y Buen Gobierno, órgano estatal de control da transparencia das administracións públicas. O resto do programa estrutúrase en mesas redondas con ponentes procedentes das diferentes valedorías e do Defensor del Pueblo.

Como colofón ás xornadas é tradición que os titulares das defensorías celebren un encontro no que tratan asuntos de interese común e coordinan futuras actuacións.

The comments are closed.


GABINETE DE COMUNICACIÓN

Rúa do Hórreo, 65
15700 Santiago de Compostela
A Coruña
Teléfono [+34] 981 56 97 40
FAX [+34] 981 57 23 35

comunicacion@valedordopobo.gal