Inaugurado o curso sobre protección da Ribeira Sacra dirixido polo valedor

15 Xuño, 2015 Institución, Novas

O valedor do pobo, José Julio Fernández, dirixe o curso de verán “A Ribeira Sacra: protección dunha paisaxe cultural candidata a Patrimonio Mundial” que se celebra desde hoxe e ata o próximo 18 de xuño no Parlamento de Galicia, en Santiago. A presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo, inaugurou hoxe a actividade nun acto que contou coa presenza do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez; o propio valedor do pobo, José Julio Fernández; o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar e o director da Universidad Menéndez Pelayo, Domingo Bello, entre outros.

Curso: A Ribeira Sacra: protección dunha paisaxe cultural candidata a Patrimonio Mundial: programa

A actividade, aberta a todos os públicos, pretende realizar unha aproximación ao valor singular da rexión que opta a ser incluída na lista do Patrimonio Mundial da Unesco.

O curso, estruturado en 4 xornadas (15, 16,17 e 18 de xuño) conta coa participación, baixo a dirección do Valedor do Pobo, de catedráticos e investigadores implicados na elaboración do documento técnico que servirá de base para presentación da candidatura da Ribeira Sacra ante a Unesco.

Interveñen, nas sucesivas xornadas, Augusto Pérez Alberti, catedrático do Departamento de Xeografía da Universidade de Santiago (USC) para falar sobre “A construción das paisaxes da Ribeira Sacra”. Eduardo García-Rodeja Gayoso, catedrático do Departamento de Edafoloxía e Química Agrícola da USC co discurso sobre “Os chans da Ribeira Sacra: expresión dunha paisaxe antrópica”. Os traballos deste día 15 rematarán cunha mesa redonda acerca das paisaxes culturais, que se parará, entre outras cuestións, no tratamento xurídico das mesmas e as pautas necesarias para incluír a rexión na lista da Unesco.

O segundo día, o 16 de xuño, focalizará a atención dos expertos na riqueza cultural da Ribeira Sacra. Celebraranse dous relatorios iniciais sobre “O monacato como eixo histórico na Ribeira Sacra”, a cargo de José Miguel Andrade Cernadas, profesor titular do Departamento de Historia Medieval e Moderna da USC; e “Monasterios e prioratos na Ribeira Sacra” por Juan M. Monterroso Montero, profesor titular do Departamento de Historia da mesma universidade. Nesta ocasión a mesa redonda versará sobre a arquitectura civil, as parroquias e o patrimonio arqueolóxico da rexión.

A terceira xornada, a do 17 de xuño, someterá a análise as características da industria, a demografía e a economía da Ribeira. Intervirán para tratar estes asuntos Óscar Rodil Marzábal, profesor-investigador do departamento de Economía Aplicada da USC que falará de “Caracterización e desafíos sociodemográficos da Ribeira Sacra” e Carlos Nárdiz Ortiz, catedrático do Departamento de Proxectos Arquitectónicos e Urbanismo da Universidade da Coruña que tratará “O patrimonio industrial e as obras públicas na Ribeira Sacra”. A mesa redonda, coordinada polo valedor do pobo, José Julio Fernández, xirará en torno ás singularidades das actividades económicas da Ribeira Sacra.

Durante a última xornada, os participantes no curso realizarán unha visita de campo á Ribeira Sacra onde poderán realizar unha aproximación á súa riqueza natural e patrimonial da man de dous guías con amplos coñecementos da rexión: Javier Guitián, catedrático de botánica da USC e Augusto Pérez Alberti, catedrático de xeografía física.

The comments are closed.


GABINETE DE COMUNICACIÓN

Rúa do Hórreo, 65
15700 Santiago de Compostela
A Coruña
Teléfono [+34] 981 56 97 40
FAX [+34] 981 57 23 35

comunicacion@valedordopobo.gal