Hoxe, 5 de xuño, celebramos o Día do Medio Ambiente.

05 Xuño, 2020 actualidade, Novas, Novas

Con ese motivo a Institución da Valedoría do Pobo subliña o seu firme compromiso de contribuír a afrontar todos os moitos e difíciles retos que a humanidade ten neste terreo, especialmente a loita contra o cambio climático, a transformación da nosa forma de vida ata convertela en sustentable e a preservación da biodiversidade.

O dereito ao medio ambiente é un dereito humano dos chamados de terceira xeración, que debe ser traído ao primeiro plano tanto na súa concepción xeral como nos aspectos máis actuais. Hai que ter claro que toda actividade incompatible co principio de sustentabilidade ambiental non ten futuro.

Trátase de problemas que afectan en primeiro termo á comunidade internacional e con iso ás organizacións de cooperación dos Estados. As solucións locais ou rexionais, por amplas que sexan, nunca resultarán dabondo. Por iso, é perentoria a necesidade de progresar nos mecanismos consensuais e garantir as medidas para reverter o cambio climático e evitar así as súas graves consecuencias; de cumprir os obxectivos da Axenda 2030 da ONU, co fin de protexer o planeta e mellorar as vidas e as perspectivas de todas as persoas e protexelas da pobreza; e de cumprir o Convenio sobre a Diversidade Biolóxica e o Decenio da ONU sobre restauración dos Ecosistemas (2021-2030).

No nivel interno, a procura da preservación do medio afecta a todas as administracións e con iso tamén á tarefa cotiá dos seus supervisores, entre os que se contan todas as defensorías do pobo e, por tanto, tamén a Valedoría do Pobo de Galicia. O noso labor en materia de preservación do medio é intensa e afecta a totalidade dos seus aspectos: quentamento global e gases de efecto invernadoiro, vertidos, xestión de residuos, contaminación atmosférica, protección da saúde fronte a contaminación, enerxía, proxectos contaminantes, mobilidade, protección dos ecosistemas e da biodiversidade, protección dos espazos naturais e da paisaxe, transparencia ambiental, análise dos impactos de plans e proxectos, restauración de espazos contaminados ou degradados, e moitos outros, posto que a práctica totalidade dos sectores afectan ao ambiente.

A Carta de Servizos da Institución inclúe como obriga propia o desenvolvemento das funcións da Valedoría con responsabilidade ambiental, de forma sustentable e co máximo respecto do medio ambiente.

Como colofón do expresado, resulta imprescindible que todos sexamos plenamente conscientes de que ou transformamos axiña a nosa forma de vida ata que resulte sustentable ou o futuro da humanidade seguirá nunha situación de precariedade derivada da falta de actuacións adecuadas.

The comments are closed.


GABINETE DE COMUNICACIÓN

Rúa do Hórreo, 65
15700 Santiago de Compostela
A Coruña
Teléfono [+34] 981 56 97 40
FAX [+34] 981 57 23 35

comunicacion@valedordopobo.gal