FALLADO O “PREMIO VALEDORA DO POBO” PARA TRABALLOS FIN DE GRAO E FIN DE MÁSTER CON PERSPECTIVA DE XÉNERO

08 Marzo, 2021 actualidade, Novas, Novas

O mércores 24 de febreiro foi fallada a 1ª convocatoria do Premio Valedora do Pobo ao mellor traballo de Fin de Grao e ao mellor de Fin de Máster con perspectiva de xénero. Este galardón é froito do convenio subscrito por esta institución coas Universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo. O xurado estivo composto por representantes das entidades asinantes do convenio que contaron coa asistencia do Secretario Xeral da institución Valedora do Pobo.

A deliberación celebrouse mediante xuntanza telemática na que foron valorados os traballos que pasaron á derradeira fase da selección, de entre os cincuenta e nove que se presentaron en total, sen coñecemento por parte do xurado da identidade das persoas participantes até que se tomou a decisión final.

PREMIO Traballo Fin de Grao:

“Inxustiza epistémica e argumentación xurídica. Especial atención nos casos de violación”.
Autora, Amara García Adán.

O xurado valorou a orixinalidade do tratamento que integra a dimensión de xénero no axuizamento; a metodoloxía utilizada, propia das ciencias xurídicas, sobre todo no estudo histórico do delito de violación; e a interpretación das normas e as fontes utilizadas. Dada a importancia do tema tratado, valorouse o interese e corrección das conclusións acadadas. O resultante é un traballo moi madurado, especialmente a respecto da evolución da consideración da existencia de violación segundo o contexto histórico que se analice. Faise, tamén, unha análise da influencia dos estereotipos de xénero na interpretación das normas e na valoración das probas testificales, cun estudo especial no caso da “sentencia da Manada”. Finalmente, nas conclusións incide na necesidade da formación en cuestións de xénero para identificar e erradicar os prexuizos.

 

PREMIO Traballo Fin de Máster:

“As políticas de igualdade de xénero na Universidade. O caso de Galicia”.
Autora, Ángela Fernández Dasilva.

O xurado valorou a utilidade práctica deste traballo que permitiría a súa aplicación para implementar as políticas de igualdade de xénero no ámbito universitario, cun valor importante pola información contrastada, exhaustiva e actualizada dos parámetros que determinan os niveis de igualdade nas universidades galegas. Ofrece un diagnóstico a partir do cal os centros analizados poden elaborar pautas de actuación para corrixir fallas e mellorar tendencias. Esta diagnose faise respecto dos atrancos ou facilitadores para a igualdade que se detectan nas universidades e reflicten a identificación con situacións que se aprecian noutras organizacións sociais.

FINALISTAS:

En Traballo Fin de Grao: Unha realidade silenciada. Violencia machista institucional. Autora, Sabela Pérez Martín.
En Traballo Fin de Máster: Análise da representación das mulleres nos libros de FOL (Formación e Orientación Laboral) a través da revisión bibliográfica”. Autora, Noelia Álvarez Estévez.

O xurado valorou moi positivamente a alta calidade dos traballos, tanto nos gañadores coma nos finalistas.

No decurso do mes de marzo, no portal do web da Valedora do Pobo “Falamos de Feminismo”, publicaranse os traballos no contexto dunha programación temática especial onde participarán persoas especialistas en diferentes ámbitos vinculados coa problemática de xénero.

En datas posteriores, aínda sen determinar, terá lugar o acto público de entrega dos premios no que a Valedora do Pobo convocará a representantes institucionais das Universidades e gañadoras.

Publicado no DOG de 8 de marzo de 2021.

 

 

 

 

The comments are closed.


GABINETE DE COMUNICACIÓN

Rúa do Hórreo, 65
15700 Santiago de Compostela
A Coruña
Teléfono [+34] 981 56 97 40
FAX [+34] 981 57 23 35

comunicacion@valedordopobo.gal