FALAMOS DE FEMINISMO. SEGUNDA EDICIÓN.

19 Xaneiro, 2021 actualidade, falamos de feminismo, Novas, Novas

O 9 de setembro de 2019, inaugurabamos o espazo “Falamos de Feminismo” na páxina oficial da Valedora do Pobo coa finalidade de difundir o dereito á igualdade de mulleres e homes. Fixémolo a través das opinións de persoas expertas que, periodicamente, achegaron os seus puntos de vista con este fin  e para que se enraíce, con forza, a cultura da igualdade.

 

Pasaron moitas cousas desde entón, pero a que máis afectou ás nosas vidas, de xeito colectivo e inédito, foi a pandemia do coronavirus,  COVID-19. Unha enfermidade que tamén demostrou ter un importante impacto de xénero, como algunhas das persoas que publicaron as súas achegas en “Falamos de Feminismo” puxeron enriba da mesa.

 

Consideramos que este desastre a escala mundial se debe afrontar sen retrocesos no nivel alcanzado de igualdade entre mulleres e homes, e que a igualdade de xénero se debe integrar no corazón das políticas públicas de reconstrución.

 

Máis ca nunca, nestes momentos, é preciso lembrar as expectativas de futuro que a Humanidade enteira, desde Nacións Unidas,  se propuxo hai pouco máis dun lustro: “Transformar o noso mundo: a Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible” (2015).

Entre elas, a igualdade de xénero entre mulleres e homes, e o empoderamento das mulleres e as nenas, son un alicerce central. Mais debemos insistir en que as mulleres non poden ser meras espectadoras do cambio. Xunto cos homes, deben ser protagonistas centrais da Axenda 2030 porque sen mulleres non hai desenvolvemento sostible.

 

Máis dun ano despois da inauguración de “Falamos de Feminismo”, o espazo ofreceu  aportacións moi interesantes que darán lugar a unha publicación.

 

Chegou, pois, o momento de continuar o labor iniciado, coa mesma finalidade que inspirou a súa inauguración. “Falamos de Feminismo” quere ser, agora máis ca nunca, un punto de encontro para situar a igualdade de xénero na corrente central de todas as relacións sociais e no centro de todas as políticas públicas. Será o xeito de que as aspiracións, necesidades e preocupacións das mulleres sexan atendidas na mesma medida que as aspiracións, necesidades e preocupacións dos homes.

 

The comments are closed.


GABINETE DE COMUNICACIÓN

Rúa do Hórreo, 65
15700 Santiago de Compostela
A Coruña
Teléfono [+34] 981 56 97 40
FAX [+34] 981 57 23 35

comunicacion@valedordopobo.gal