Milagros Otero Parga, valedora do pobo, celebrou onte unha xornada de visita a Boqueixón para achegar os servizos da institución que preside á cidadanía.
Santiago de Compostela, 31 de outubro de 2018. A valedora do pobo, Milagros Otero Parga, celebrou onte en Boqueixón unha xornada de visita para achegar os servizos da institución que dirixe á cidadanía. Os escolares de 5º e 6º de Educación Primaria do CPI Antonio Orza achegáronlle medio cento de peticións para o seu centro, para as súas aldeas e para o concello en xeral, que hoxe mesmo foron rexistradas pola institución para darlles resposta.
A xornada de visita a Boqueixón permitiu á valedora, Milagros Otero Parga, reunirse inicialmente co alcalde e membros da corporación co obxecto de coñecer as principais necesidades do concello e de establecer canles fluídas de comunicación que permitan axilizar as queixas que afectan a este municipio.
A valedora ademais desprazouse ao CPI Antonio Orza, no lugar do Forte, onde mantivo un encontro de máis dunha hora con rapazas e rapaces de 5º e 6º de Primaria. Durante o mesmo puideron coñecer un pouco máis a institución do Valedor do Pobo, como funciona, e de que xeito pode axudar á cidadanía.
Os escolares tornáronse nos verdadeiros protagonistas da sesión, na que estiveron presentes tamén representantes da veciñanza da localidade que foron convidados expresamente.
Os rapaces tiñan preparadas cadansúas peticións e/ou queixas dirixidas á valedora. A maior parte delas centráronse en demandar melloras para o seu centro. Así pediron mellorar a súa dotación informática, reformar o tellado e as fiestras do centro, optimizar o sistema de calefacción e mesmo dotar aos espazos comúns con máis equipamento deportivo, bancos, randeeiras e unha zona cuberta nos accesos ao colexio.
Os alumnos demostraron unha grande madurez á hora de expor as súas peticións. Así, a valedora do pobo puido coñecer das deficiencias nos servizos de Internet nalgunhas aldeas, a necesidade de limpar montes en zonas do Concello de Boqueixón ou de instalar máis bancos e papeleiras nos espazos públicos.
Houbo quen solicitou incluso centros de día para atender ás persoas maiores, axudar ás persoas en risco de exclusión social e mesmo rematar dunha vez por todas cos conflitos armados.
A institución do Valedor do Pobo rexistrou hoxe mesmo un documento co detalle de todas as peticións achegadas polo alumnado. Unha vez estudadas e analizadas dará unha resposta aos dous cursos do centro para que coñezan o devir e cada unha delas.
The comments are closed.