Hoxe en “Falamos de Feinismo”, publicamos o seguinte artigo: ESCOITAR A MÚSICA CON PERSPECTIVA DE XÉNERO por José Fernando Lousada Arochena, Maxistrado, docente e escritor  

22 Abril, 2021 actualidade, Novas, Novas

 

PREXUÍZOS NA MÚSICA E (MÁIS PREOCUPANTE) EN QUEN A ESCOITAN

 

Os prexuízos e estereotipos baseados no xénero infíltranse en todas as situacións da vida, en todas as relacións sociais, en todas as manifestacións da cultura. O Feminismo propúxose visibilizalos e para iso realiza unha revisión crítica de todo o establecido. E nese escrutinio non podía faltar unha revisión crítica de toda a música que nos permite concluír que ningún xénero musical merece salvarse. Nin sequera a música clásica que opera coa importante vantaxe de que as súas composicións na súa maioría non teñen letra; pero iso non impide constatar a escasa representación (cando non nula) das mulleres como compositoras, como directoras de orquestra ou sequera xa como intérpretes, nos repertorios dos festivais ou nas programacións das grandes orquestras. E non é crible que, a día de hoxe, non haxa mulleres abondo formadas para ostentar cubrir unha representación significativa.

A ópera onde, aparentemente, as mulleres están empoderadas na figura da soprano (a prima donna), ostenta o máis que dubidoso mérito de que falecen a maioría das súas protagonistas femininas principais (véxase a triloxía de Puccini: Madamme Butterfly, Tosca e A Bohème; ou Carmen de Bizet, nalgunha de cuxas últimas representacións se lle deu un final alternativo onde quen morre é Don José co fin de denunciar a violencia de xénero e iso foi á conta dunha forte contestación). Máis rechamante resulta o machismo na música popular por obvias razóns: está máis próxima á ideoloxía imperante na sociedade, e ademais ten letras delatoras, moitas veces reflectindo actitudes canallas, transgresoras, rebeldes… e sexistas.

A copla ten grandes exemplos gloriosos. Basta lembrar o fandango de Manolo Caracol: “o meu coitelo craveille / porque me enganou con outro/ e cando morta ela estaba / de súpeto eu me lembrei / de que eu tamén a enganaba”. Letras parecidas atopamos na samba brasileira, no tango arxentino ou no blues estadounidense. Por suposto, tamén a música pop e rock, na que me vou a deter.

Vexamos un exemplo significativo: Run for your life (corre pola túa vida) dos Beatles (1965), na cal destacan as seguintes liñas “preferiría verche morta, little girl / antes ca con outro home … ben, xa sabes que son un mozo malo / e celoso de nacemento… se che atopo con outro home / é o fin, little girl” (coa letra do John Lennon mozo). Os Rolling Stones tamén teñen perlas no seu repertorio. Na emblemática Under my thumb (1966): “baixo o meu polgar, a moza que unha vez me dominou agora depende de min”. Ou na tamén emblemática Brown sugar (1971): “un vello escravista con cicatrices sabe que está ben / escoita como azouta ás mulleres á medianoite”.

Non todas as cancións machistas son un chamamento ao feminicidio, ou transmiten unha mensaxe abertamente violenta. Outras reflicten prexuízos, estereotipos e/ou prácticas consuetudinarias ou de calquera outra índole que están baseadas na idea da inferioridade ou superioridade de calquera dos sexos ou en funcións estereotipadas de homes e mulleres. Varios exemplos desta misoxinia en Led Zeppelin (recoñézoo: a miña banda preferida): a muller é obxecto sexual e á vez a perdición (femme fatale): “a alma da muller foi creada máis abaixo” (Dazed and confused, 1969); “hey, hey, nena, vin como te moves / vouche facer suar, vouche facer gozar… non o sei, mais me dixeron / que unha muller de pernas longas non ten alma” (Black dog, 1971). Let put my love into you de AC/DC (1980) pódenos facer pensar nunha violación ou seica só é unha canción falocéntrica (o que tampouco a libera da crítica): “dándolle que che pego toda a noite coa miña maquinaria / porque eu, teño o poder a calquera hora / de mostrar o home que hai en min / esnaquizando reputacións coa miña artillaría… non te resistas, non ofrezas pelexa… déixame introducir o meu amor en ti, nena”.

Tamén no rock español atópanse cancións cuxos títulos xa o din todo: “Hoy voy a asesinarte” (Siniestro total, 1982), “La mataré” (Loquillo, 1987), ou “Corazón de tiza” (Radio Futura, 1990), na cal se di “se che volvo ver pintar un corazón de xiz na parede, vouche dar unha malleira por escribir o meu nome dentro”.

Dentro desta listaxe (e no grupo de machismo violento), atopámonos coa canción máis emblemática de The Police: Every breath you take (1983). Vexamos algunhas pasaxes: “Cada alento que tomes / cada movemento que fagas / cada atadura que rompas / cada paso que deas / estouche a vixiar”. Máis adiante: “Oh, non podes ver / que ti me pertences? / como doe o meu pobre corazón / con cada paso que dás”. Un caso de libro de stalking, unha conduta tipificada como delito no artigo 172 ter do Código Penal. Pero non escollín esta canción polo carácter violento da conduta relatada. Acabamos de ver exemplos máis contundentes de machismo violento. Escollina porque adoita ser valorada como unha canción de amor. E isto lévanos a reflexionar non tanto no que din as letras das cancións, senón en como pasan desapercibidas ou (máis grave aínda) como acaban sendo percibidas como non violentas, e mesmo como positivas ao considerar reflicten situacións normais de amor pasional.

Sting, que creou a canción na crise do seu matrimonio con Frances Tomelty, recoñeceu o seu desconcerto ao ver canta xente tomaba a canción como moito máis positiva do que era dada a súa temática sobre o amor non correspondido, a obsesión co amante perdido, os celos e a vixilancia que lle seguen. En palabras de Sting: “Unha parella, díxome unha vez: Oh, encántanos esa canción; elixímola para que soase na nosa voda! e eu pensei Ben, boa sorte. Creo que é unha canción moi, moi fea e sinistra e que a xente a confundiu cunha pequena e doce canción de amor”.

Por que Every breath you take, unha canción onde se fala de sentimentos machistas violentos, é confundida cunha canción de amor? A resposta é moi simple: porque non se visibilizan os nocivos estereotipos de xénero reflectidos na letra da canción, ou se visibilizan sen tomar conciencia da necesidade de cambio, ou mesmo se considera o relatado na canción como unha situación amorosa en sumo grao normal. Every breath you take foi considerada como a canción do ano 1983, e incluída en varias listaxes entre as 100 mellores cancións de todos os tempos (e recoñezo que musicalmente tamén a incluiría). A Revista “Rolling Stone” situouna como a 84ª das 500 mellores cancións de todos os tempos (elaborada por 172 críticos, músicos e persoas expertas da industria; publicada en 2004 e revisada en 2011). Unha fantástica canción cunha letra cuestionable.

Que podemos facer con cancións como esta?

Por que non escoitala con perspectiva de xénero?

Unha proposta necesitada dun desenvolvemento que debería pasar entre outras cousas que me limito a apuntar (aínda que seguramente estas achegas espertarán comentarios a favor e en contra):

— por explorar a música feita por mulleres en todos os estilos musicais constatando que en todos hai achegas femininas (algunhas moi reconfortantes: no blues, un dos meus estilos musicais preferidos, atopamos cancións fortemente patriarcais/machistas, pero tamén atopamos as consideradas primeiras cancións feministas da Historia da Música nas voces de Ma Rayney ou Bessie Smith);

— por analizar criticamente as cancións para detectar marcas de xénero, aínda que iso non necesariamente debe conducir a deixar de escoitar aquelas que sexan sexistas, senón a ouvilas conscientemente, é dicir, sabendo o que din e abstraéndonos da mensaxe, para gozar do seu aspecto musical; pero se non o conseguimos porque nos fan dano e non compensa musicalmente, sacalas da nosa lista de reprodución;

— por denunciar as marcas de xénero das cancións, non para que se prohiban (sería ir contra a liberdade artística de quen as compón, as interpreta e as e escoita), senón para que toda persoa adquira conciencia de que o que escoita, non leve a engano, e poida decidir si quere facelo ou non (liberdade informada); nalgúns casos quen as interpretan toman conciencia, e as retiran do seu repertorio (pasou con Loquillo);

— por apoiar iniciativas correctoras das marcas de xénero das cancións que os teñan negativos (algúns puristas negaranse, mais será abondo con lles lembrar un exemplo magnífico de corrección: Respect na súa versión orixinal de Otis Reading é unha gran canción cunha letra criptomachista; mentres na versión da gran Aretha Franklin mellorouse musicalmente e ademais é un himno feminista).

Gocemos, pois, de Every breath you take (e de calquera outro dos exemplos que puxemos de cancións machistas / sexistas) se a escoitamos con conciencia e sen que nos moleste, e se non, deixemos de escoitala; en todo caso, denunciemos o seu rumbo de xénero para que esa decisión poda ser tomada libremente por cada persoa; e, sobre todo, para evitar que a conduta que nela se reflicte (que ao propio Sting o leva a cualificar a canción como sinistra) sexa percibida como amor nunha relación de parella e empece a ser percibida como o que é: un acoso con axexo: un delito de stalking

 

 

The comments are closed.


GABINETE DE COMUNICACIÓN

Rúa do Hórreo, 65
15700 Santiago de Compostela
A Coruña
Teléfono [+34] 981 56 97 40
FAX [+34] 981 57 23 35

comunicacion@valedordopobo.gal