A discriminación das mulleres á hora de ser contempladas nas enfermidades laborais consideradas “tradicionalmente” masculinas como a asbestose producida polo amianto, os desafíos das mulleres coidadoras do rural galego durante a pandemia da Covid-19, a violencia estrutural e simbólica que sofren as deportistas, agudizada no caso da halterofilia, ou a historia dos inicios do movemento feminista organizado galego desde o tardofranquismo ata a consolidación democrática, son os temas tratados nos traballos fin de grado e fin de master que resultaron premiados na segunda edición dos Premios Valedora do Pobo para traballos con perspectiva de xénero.
As autoras premiadas, Sara González Vega, Manuela Ángela Blanco Suárez, Ana Feijoo Rodríguez e Raquel Fernández Reguera recolleron os seus premios dotados con 500 euros cada un por teren sido outorgados ex aequo, nun acto celebrado hoxe no Reitorado da Universidade da Coruña. Nos seus discursos de agradecemento deron conta das motivacións que tiveron, os descubrimentos que fixeron e a satisfacción por abriren espazos pouco frecuentados na investigación académica.
Dolores Fernández Galiño destacou “o músculo de Galicia en materia de igualdade como demostran os sucesivos consensos parlamentarios para lexislar sobre esta trascendental cuestión” e destacou que “este premio que resulta do convenio coas tres universidades, está a promover un “corpus” que fomenta a abordaxe científica e coas técnicas acaídas para a investigación académica na temática da igualdade”. Os catro traballos premiados publicaránse no espazo Falamos de Feminismo da web da institución, igual que o foron os gañadores da primeira edición.
O acto estivo presidido polo Reitor da Universidade de A Coruña, a Conselleira de emprego e igualdade, o Reitor da Universidade de Santiago de Compostela e a Valedora do Pobo, e ao mesmo asistiron representantes dos grupos parlamentarios, o vicepresidente do Parlamento Galego, o Vicepresidente do Consello de Contas, entre outras autoridades e público interesado.
Santiago de Compostela, 18 de abril de 2022
The comments are closed.