O Valedor formaliza a súa colaboración cun proxecto das tres universidades galegas sobre cidadanía e “educomunicación”

12 Novembro, 2014 Dereitos, Discapacidade, Exclusión social, Internet, Novas

O proxecto centra a súa atención na defensa dos dereitos cidadáns de grupos de atención social prioritaria (mulleres, discapacitados, xuventude e migrantes), así como nas informacións que sobre os mesmos elaboran os medios de comunicación galegos.

Santiago de Compostela, 12 de novembro de 2014. O Valedor do Pobo formalizou hoxe a súa colaboración co proxecto de investigación Cidadanía e Educomunicación: vulnerabilidade mediática, capacitación comunicativa e desenvolvemento nas comunidades locais e en grupos de atención social prioritaria (CIDEC), que levan a cabo cinco grupos de investigación do Sistema Universitario Galego (SUG).

Mediante unha carta de adhesión comprométese a colaborar cos investigadores dos equipos Cidadanía e comunicación-CIDACOM e Estudos audiovisuais-GEAV da Universidade de Santiago, Procesos sociais e desenvolvemento rural e urbano HI2 e Traballo social e servizos sociais-CC4 da Universidade de Vigo, e Equipo de Socioloxía das Migracións Internacionais-ESOMI da Universidade de A Coruña. Ademais, CIDEC enmárcase dentro da Rede Europa América Latina de Comunicación e Desenvolvemento (REAL-CODE), formada por 25 grupos de investigación e que persegue a transferencia de coñecemento entre os dous continentes.

O proxecto centra a súa atención na defensa dos dereitos cidadáns de grupos de atención social prioritaria (mulleres, discapacitados, xuventude e migrantes) así como nas informacións que sobre os mesmos elaboran os medios de comunicación galegos.

O Valedor do Pobo comprométese deste xeito a facilitar información relativa a grupos de atención social prioritaria necesaria para levar a cabo a investigación; a ofrecer asesoramento e colaboración na realización de seminarios, debates e talleres; a participar en congresos e publicacións científicas e a apoiar a elaboración dun Índice da vulnerabilidade dos dereitos humanos e cidadáns nos medios (IVDMC).

Outro dos obxectivos consiste, en última instancia, en colaborar na posta en marcha dun Selo de Calidade Informativa, que garanta que os medios de comunicación galegos informan adecuadamente sobre os grupos de atención social prioritaria mencionados anteriormente.

Firma

Esta mañá o Valedor do Pobo formalizou a súa adhesión ao proxecto nun acto no que firmou a carta de apoio ao mesmo e no que participou o investigador principal, da Universidade de Santiago, Marcelo Martínez Hermida.

Durante a próxima semana a institución prestará as súas instalacións para celebrar un dos primeiros debates noque tomarán parte representantes dos medios de comunicación.

The comments are closed.


GABINETE DE COMUNICACIÓN

Rúa do Hórreo, 65
15700 Santiago de Compostela
A Coruña
Teléfono [+34] 981 56 97 40
FAX [+34] 981 57 23 35

comunicacion@valedordopobo.gal