O Valedor avaliará nun informe os problemas de discriminación do colectivo de lesbianas, gais, bisexuais, transexuais e intersexuais de Galicia

04 Decembro, 2014 Exclusión social, Informes, Sexualidade

Dende o pasado mes de xullo, o alto comisionado parlamentario é a institución responsable de velar pola igualdade de trato e non discriminación do colectivo. En 2015 verá a luz o primeiro informe extraordinario acerca da discriminación de cidadáns en Galicia pola súa orientación sexual ou identidade de xénero.

Santiago de Compostela, 4 de decembro de 2014. O Valedor do Pobo traballa na elaboración do primeiro informe sobre desigualdades por motivos de orientación sexual ou identidade de xénero elaborado en Galicia. O monográfico coordinado dende a área específica da defensoría encargada de atender as reclamacións do colectivo de lesbianas, gais, bisexuais, transexuais e intersexuais (LGBTI) será o primeiro elaborado en Galicia acerca dos dereitos das persoas que conforman este colectivo.

Dende o pasado mes de xullo o Valedor do Pobo traballa dunha maneira intensa na defensa dos dereitos do colectivo LGBTI co obxectivo de dar cumprimento ás funcións que lle encomenda a lei pola igualdade de trato que faculta esta institución “como autoridade independente para velar pola igualdade de trato e non discriminación” tanto no sector público como no privado. Deste xeito, a defensoría presta apoio ás persoas que sofren discriminación pola súa orientación sexual ou identidade de xénero. Aparte da tramitación de queixas promovidas por estas persoas ou por entidades que as representan, o Valedor decidiu abrir a propia instancia un traballo de investigación exhaustivo acerca das posibles situacións de discriminación que lles afectan. A idea consiste en retratar unha realidade non sempre coñecida co obxectivo de contribuír a instaurar na vida pública unha actitude tolerante e de integración destas persoas.

As liñas de decisión desplegadas polo Valedor do Pobo sobre o colectivo LGBTI atopan a súa fundamentación no artículo 14 da Constitución, que consagra o principio de igualdade de todas as persoas e a prohibición de discriminación, así como en diversos instrumentos internacionais que declaran a igualdade de dereitos das persoas LGBTI.

A orientación sexual ou a identidade de xénero non poden ser causa de discriminación social nin laboral. As administracións públicas galegas deben implicarse en eliminar os obstáculos que impiden que a igualdade de todas as persoas sexa real e efectiva.

Coas súas accións, o Valedor do Pobo persegue a instauración no conxunto da sociedade galega dunha cultura de tolerancia e pleno respeto aos dereitos de diversidade afectivo-sexual e de xénero. O primeiro paso para conseguilo consiste en loitar, e no seu caso denunciar, calquera representación de actitudes homofóbicas ou transfóbicas que afectan ao colectivo.

The comments are closed.


GABINETE DE COMUNICACIÓN

Rúa do Hórreo, 65
15700 Santiago de Compostela
A Coruña
Teléfono [+34] 981 56 97 40
FAX [+34] 981 57 23 35

comunicacion@valedordopobo.gal