O Valedor do Pobo pide a revisión dunha normativa da RFEF que impide xogar a un neno saharauí que vive en réxime de acollida cunha familia de Cuntis

19 Novembro, 2014 Derechos, Dereitos, Exclusión social, Exclusión social, Menores, Novas

O defensor galego comparte preocupación coa Secretaría Xeral para o Deporte e instará á familia afectada a pedir a intervención do Comité galego de Xustiza Deportiva, ante esa posible situación de desprotección.

Santiago de Compostela, 19 de novembro de 2014. O Valedor do Pobo abriu de oficio unha queixa para investigar a imposibilidade de que un menor saharauí que reside cunha familia de Cuntis (Pontevedra) en réxime de acollida poida contar cunha ficha federativa para xogar ao fútbol. O problema radica en que a normativa da Real Federación Española de Fútbol (RFEF) non considera válida a firma dos acolledores. Por outra parte, a situación complícase dado o estatus político-administrativo do Sáhara que, segundo a normativa aplicable ao caso, estipula que si o neno non tivo ficha antes dos doce anos no seu país de orixe, non poderá xogar ao fútbol fora. Tras investigar o asunto e realizar as xestións oportunas ante a Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, o Valedor considera que a normativa vixente vulneraría os dereitos fundamentais dos menores e insta á familia a pedir a intervención do Comité galego de Xustiza Deportiva.

O alto comisionado parlamentario decidiu actuar por propia iniciativa ao coñecer a imposibilidade dun neno saharauí acollido por unha familia de Cuntis que, aínda que regresa a su país de orixe cada verán, ten a súa tarxeta de residencia e está escolarizado na comunidade. A práctica da disciplina deportiva, en concreto do fútbol, favorece a xuizo do Valedor do Pobo a súa integración na comunidade na que vive e mellora a súa socialización. De aí que os impedimentos notorios para formalizar a súa ficha federativa poidan colisionar cos dereitos do menor.

Por todo o Valedor do Pobo solicitou informe nas últimas semanas a Secretaría Xeral do Deporte, que mostrou idéntica preocupación polo feito de que as actuacións administrativas poidan impedir a posibilidade, sobre todo no caso dos nenos e nenas, da práctica deportiva. Dende este  departamento ademais informaron ao Valedor que se coñecen en Galicia outros dez casos de rapaces que poderían estar afectados por esa rixidez na aplicación da norma.

Exceso de celo
O problema provén dunha estricta reglamentación con orixe na FIFA e incorporada pola federación española en relación á protección dos menores de idade ante os abusos nas transferencias internacionais de xogadores. O valedor comparte coa secretaría que da aplicación desa norma poden deducirse situacións discriminatorias como a sinalada. De aí que anime á familia de acollida do neno saharauí e as outras que poidan verse afectadas por situacións semellantes, a recurrir ao Comité Galego de Xustiza Deportiva, órgano que supervisa o exercicio das funcións públicas que as federacións teñen concedidas, entre elas, a expedición de licenzas.

The comments are closed.


GABINETE DE COMUNICACIÓN

Rúa do Hórreo, 65
15700 Santiago de Compostela
A Coruña
Teléfono [+34] 981 56 97 40
FAX [+34] 981 57 23 35

comunicacion@valedordopobo.gal