O Valedor do Pobo entrega 4.000 calendarios para formar a alumnos de ESO no uso seguro das tecnoloxías

16 Decembro, 2014 Eventos, Internet, Menores, Novas

O alto comisionado parlamentario concluiu a distribución dos almanaques que colgarán a partir do 1 de xaneiro nas paredes de todas as aulas de secundaria cun lema cada mes co que invita aos docentes a abrir un pequeno debate cos mozos.

Santiago de Compostela, 16 de decembro de 2014. O Valedor do Pobo distribuiu entre os centros escolares que imparten Educación Secundaria Obligatoria en Galicia exemplares dun calendario “formativo” co que os alumnos poderán coñecer cada mes un consello para mellorar a seguridade á hora de utilizar as novas tecnoloxías. A iniciativa forma parte do programa #mocidadeonline que supuxo a realización dun exhaustivo estudo nos últimos meses acerca dos hábitos dos adolescentes galegos ao utilizar internet e as redes sociais.

Dende o ano 2011 esta institución ven desenvolvendo unha liña de investigación encamiñada a coñecer con fiabilidade os usos e hábitos que os adolescentes asumen nas súas relacións por medio das novas ferramentas de comunicación. O inxente traballo foi plasmado nos últimos exercicios en informes extraordinarios, estudos sociolóxicos, celebración de xornadas científicas e incluso a implantación de ferramentas que permitieron monitorear cun nivel de aproximación enorme os comportamentos da nosa xuventude grazas á colaboración desinteresada prestada polos centros escolares. Froito de todo ese traballo, os equipos de expertos chamaron a atención sobre posibles usos problemáticos nos que están caendo os mozos e mozas e nalgúns casos apuntaronse niveis de ciberadicción que poderían resultar preocupantes.

Moitas destas conductas esixen políticas divulgativas firmes, que permitan unha alfabetización dixital da poboación escolar centrada en aspectos como a seguridade e os valores de normal convivencia a aplicar tamén nas relacións virtuais.

O calendario convírtese deste xeito nun instrumento máis para poder traballar na aula. Está dirixido especialmente a mozos e mozas do primeiro tramo da ESO, que comezan a relacionarse por medio dos dispositivos portables e as novas tecnoloxías, co fin de acompañalos nesta iniciación.

Cada mes deste almanaque leva impresa unha mensaxe, unha chamada de atención. O Valedor propón que os mozos e mozas guiados polos seus docentes reflexionen acerca de cada un deles e poidan abrir na aula un pequeno debate acerca da mensaxe transmitida e a maneira na que os e as adolescentes actuarían.

The comments are closed.


GABINETE DE COMUNICACIÓN

Rúa do Hórreo, 65
15700 Santiago de Compostela
A Coruña
Teléfono [+34] 981 56 97 40
FAX [+34] 981 57 23 35

comunicacion@valedordopobo.gal